Opinión

Emigrantes aventureiros

Marina del Corral, secretaria xeral de Inmigración e Emigración do goberno de España, vén de afirmar que os mozos e mozas españois emigran ao estranxeiro non só pola crise económica senón polo “impulso aventureiro da xuventude”.

Marina del Corral, secretaria xeral de Inmigración e Emigración do goberno de España, vén de afirmar que os mozos e mozas españois emigran ao estranxeiro non só pola crise económica senón polo “impulso aventureiro da xuventude”.

Por suposto, é unha tendencia natural de todos os españois, e moi especialmente dos galegos e galegas, o emigrar a outros países por iso de probar sorte, por aburrimento da propia terra… Seguro que de aí vén a tradición emigrante de Galicia. Somos os máis dados á aventura e por iso marchamos da nosa patria deixando desamparadas, ingratos de nós, ás nosas familias aquí. Por ese espírito aventureiro é polo que Galicia non soubo desenvolver unha industria comparable a de Euskadi ou Cataluña. Por ese espírito aventureiro, Galicia tivo que servir de fornecedor de materia prima, de recursos hidroeléctricos e mesmo de recursos económicos ao resto do estado español. Hai que ver como somos os galegos e galegas…

Mágoa que esta “alta apreciación” dos mozos e mozas españois polo seu espírito aventureiro, non llelo apliquen aos inmigrantes que chegan a España. Eles non son aventureiros, non, eles son mortos de fame que veñen roubar o traballo aos españois e delinquir. Por iso hai que poñerlles todo tipo de atrancos, para que non ensucien a gloriosa cultura española. Hai que protexer a nación e mirar por ela. Por suposto, a nación española, que o resto son “nacionalismos” liderados por “malos gobernantes que cando intentan gobernar os territorios que din que son seus, normalmente organizan grandes marfalladas e xeran grandes problemas”, en palabras do “Josemari Aznar”, o mesmo que foi iluminado por Deus Todopoderoso logo do atentado que sufrira.

O que non se entende, e que estaría ben que explicara a señora del Corral, é como é que os mozos e mozas marchan fóra de España en busca de aventuras, cando precisamente dentro de España é onde máis aventuras se poden correr nestes tempos. Ou non é aventura correr permanentemente diante da policía por manifestarse pacificamente? Ou non é aventura caer enfermo e decatarse de que por ter máis de 26 anos e estar no paro teñen que pagar a sanidade? Ou non é aventura querer ir á universidade e buscar a maneira de pagar as altas taxas de matrícula? Ou non é aventura a de quen ten a sorte de ter un emprego e ir todos os días a traballar sabendo que calquera escusa será boa para mandalo á rúa?

Estou pensando que dado o pensamento de Marina del Corral, ben poderiamos substituír ao galego Miras Portugal, director xeral de Migracións, por Miguel de la Quadra-Salcedo, e engadir a expedición Quetzal ás competencias deste departamento. Quen mellor ca el para coordinar as accións dirixidas á mocidade aventureira española que tanto devece por saír fóra das fronteiras do Imperio.

Ironías aparte, a señora Marina del Corral parece que está, como outros moitos dirixentes do seu partido, nunha burbulla onde ata semella que se cren todas as mentiras que din. Como ben dicía aquel chiste gráfico, “vostedes cando non os vemos, rin de nós, non-si?”.

Comentarios