Opinión

Non somos problema para España

Así de expeditivo e badoco expresouse Alberto Núñez Feixóo nunha entrevista para unha revista madrileña hai algo máis dunha semana. E non o somos porque el se encarga de cumprir coas súas obrigas de reducir o déficit público, conforme lle foi ditado polo Goberno español, por unha parte.

Así de expeditivo e badoco expresouse Alberto Núñez Feixóo nunha entrevista para unha revista madrileña hai algo máis dunha semana. E non o somos porque el se encarga de cumprir coas súas obrigas de reducir o déficit público, conforme lle foi ditado polo Goberno español, por unha parte. Pola outra, porque, tamén segundo el, se somete á Constitución española e ao Estatuto de Autonomía, non como o Presidente de Catalunya, que vai contra a Carta Magna, pois se adica a axitar os sentimentos independentistas do pobo catalán, no canto de xestionar ben a crise. De acreditar nesta louvanza do asentimento e a subordinación plena a España, alguén pode inducir que Galiza, a diferenza de Catalunya, non ten ningún problema coa súa incardinación no Estado español. Mesmo pode tirar a conclusión de que a forma de xestionar a crise económica non ten aquí pavorosas consecuencias en forma de máis paro, máis precarización laboral, máis recortes en dereitos sociais, deterioro dos servizos públicos, retroceso da economía produtiva e agravamento dunha incesante emigración...

O Sr. Feixóo, de forma interesada e avesa, móntase na vaga dunha certa tendencia galaica a considerar os problemas dos de fóra sen reparar, como é debido, nos de dentro. É como se Galiza vivise na inopia, sempre disposta a xustificar que o noso é como é sen máis preguntas: non paga a pena probar se pode ser doutra maneira. Moito menos, optar por comprobar se por nós mesmos poderíamos construír outra realidade máis satisfactoria. Naturalmente non é a do Sr. Presidente da Xunta a expresión desa inopia inxenua que se vive como natural, propia dunha conciencia esmagada por unha concepción da españolidade que relativiza todo o galego. Non. É unha consciente forma de exercer a política para afondar na submisión esperpéntica da sociedade galega aos designios da España unha, na que o noso papel debe ser tan compracente como irrelevante. Velaí, pois, como quen debería enunciar os problemas galegos con máis énfase, reclamando e procurando solucións, para aplicalas con enerxía, goréntase desempeñando a función de anestesista e embelecador.

Das tres nacións sen estado que hoxe integran o Estado español, Galiza, sendo a que ten máis potencialidades para o desenvolvemento, é, porén, a que corre máis perigos no campo económico, no socio-demográfico, no lingüístico e no cultural; é dicir, a que está máis gravemente condicionada polo actual deseño estatal español e da UE, pola globalización. Grave é que o mandatario Feixóo non o vexa así, pero éo moito máis que presuma de que non somos problema para España. Segundo o noso representante nada temos que reclamar nin que esixir.

Non sei se quen me está a ler ten reparado nun fenómeno senlleiro e sintomático, moi ilustrativo da anormalidade político-social en que se pretende que vivamos con naturalidade. De estarmos nunha sociedade sen tan férreas censuras e manipulacións, minimamente libre, estou por asegurar que un dos temas obxecto de debate, que gozaría de requirimento mediático a todos os partidos que se presentan as eleccións galegas do 21 de Outubro, sería o sistema de financiamento da Comunidade Autónoma, se é ou non aceitábel, se necesitamos outro diferente como o que ten Euskadi e Nafarroa, e agora reclama Catalunya, provocando o balbordo hostil na España. Dá a impresión de que a sociedade galega non necesita saber cal é carga fiscal real que soporta. Alguén ten decidido que o mellor é ignorar quen e como se pagan os gastos do Sergas, do sistema educativo e da protección social,en xeral, entre outras competencias da Xunta. Sen dúbida estaremos, deste xeito, máis proclives a acreditar en que é o Estado benfeitor, un maná co que a caritativa España nos agasalla. Nada de preocupacións: eles xa recadan todo e xa nos darán o que consideren necesario para irmos tirando. Mais non pode considerarse normal unha situación na que quen debe responsabilizarse de prestar os servizos públicos fundamentais non ten o menor control dos ingresos fiscais no seu territorio. España descentralizou o gasto, máis mantén unha férreo control dos ingresos. Non sei que autonomía pode haber cando se depende do resultado da aplicación dun sistema de financiamento que priva da capacidade de recadar e deseñar os impostos e que marca como e onde gastar a porcentaxe deles que se ceden. Non falemos da carencia de suficiencia para cubrir os gastos, establecidos sempre por debaixo do custe real dos servizos transferidos. A consecuencia lóxica é o endebedamento para poder mantelos, malia practicar axustes radicais, como os levados a cabo polo Goberno do PP na Galiza. Non outra cousa indica o feito de que, presumindo o Presidente de ser alumno avantaxado da redución do déficit público, duplicase en tres anos a débeda da Xunta. Só unha querencia ideolóxica enfermiza pola España unha pode explicar a renuncia e indisposición a tratar o grave problema do sistema de financiamento por parte do Presidente de Galiza, que prefire afondar no tópico e na ficción da incapacidade fiscal do propio país. Nada valemos por nós mesmos, vivimos do subsidio e das transferencias do paternal Estado español, ou doutra forma, da madre patria, España. Con esta ficción goza o Presidente da Xunta. Por desgraza non é diferente a posición da esquerda española. Os galegos e galegas non debemos de nos preocupar polo financiamento dos gastos da nosa Administración. É mellor que non haxa transparencia nin responsabilidade, deixarse levar. A responsabilidade e a transparencia é cousa dos cataláns, que, como se sabe, son avarentos, moi seus.

"Mais non pode considerarse normal unha situación na que quen debe responsabilizarse de prestar os servizos públicos fundamentais non ten o menor control dos ingresos fiscais no seu territorio".


Na Galiza, mesmo en período eleitoral, aínda tendo a posibilidade de atacar o nacionalismo galego, o único que existe por sigla e práctica, por se atrever a reclamar un modelo de financiamento similar ao concerto vasco, actitude tan oposta á tese da incapacidade fiscal da Galiza para valerse por si, prefiren a conspiración de silencio, non remexer. Non vaia ser que os dogmas da españolidade fagan crise e que o pobo galego comece a pensar por si na súas capacidades. É elocuente tamén a despreocupación das nosas institucións académicas universitarias perante o tema. Nin estudan nin analizan nin explican o sistema de financiamento vixente e as súas consecuencias para Galiza. Tampouco fan unha análise propia, rigorosa e real sobre a carga fiscal total que soportamos, toda a fiscalidade ao 100%, contentándose con asumir acriticamente a escasa información foránea. Aquí as únicas análises e conclusións a este respecto, exhaustivas e irrebatíbeis, son as feitas por Xosé Díaz, que se preocupou dos resultados para Galiza do sistema de financiamento desde 2006 até hoxe, e as diferenzas entre recadación atribuída a Galiza polo sistema vixente e a realmente soportada, desvendando a ficción na que nos fan vivir. Esta documentación única pode consultarse na revista Terra e Tempo.

 Xa me dirán como se pode enfrontar a crise, sen formular o problema do modelo de financiamento, que atinxe os servizos públicos fundamentais e tamén ao investimento produtivo, nas nacións que integran o actual Estado español. Vaia por diante esta advertencia, perante a hipotética e pretensamente progre observación de que é a dereita catalá é a que encabeza a reclamación dun pacto fiscal e mesmo, parece, que a independencia de Catalunya. ...Certo que o Presidente catalán ten asumido con entusiasmo a política de recortes e axustes ditada pola UE, modélica para o Goberno de España. Certo que causa estupor comprobar con que habilidade o Goberno da Generalitat canalizou politicamente boa parte do desacougo que padecen as clases populares pola crise económica cara ao pacto fiscal e emotivamente cara á independencia. Todo é tan certo como que son, maioritariamente, as clases populares catalás as que sustentan estas reivindicacións, non a oligarquía catalá-española, calada, incómoda, reticente e mesmo hostil a estas proclamas. Que CIU sexa un híbrido contraditorio, que xogue coa emotividade para conseguir obxectivos pragmáticos a curto prazo, non desnaturaliza a necesidade e a lexitimidade de demandas moi sentidas por grande parte do pobo catalán após anos de experiencia democrática na España. A reclamación do pacto fiscal non só é lexítima, senón que a súa aceptación significaría unha clara transformación do poder estatal cara á plurinacionalidade real. Velaí por que choca coa legalidade constitucional vixente, neste como en tantos outros aspectos, obsoleta, reaccionaria, centralista e antipopular. A duración do conflito está garantida. A posibilidade de que medre o sentimento e a razón para o independentismo en Catalunya tamén perante tanta ofuscación negativa. Haberá que recoñecer que a dereita catalá tivo audacia, e necesidade tamén por canto goberna en Catalunya, de asumir que o modelo vixente está esgotado, non ten saída.

"A reclamación do pacto fiscal non só é lexítima, senón que a súa aceptación significaría unha clara transformación do poder estatal cara á plurinacionalidade real"

Se alguén, supostamente á esquerda, aquí na Galiza, pensa que imos saír adiante as maiorías sociais galegas con máis España, en particular con este sistema de financiamento e con credulidade na ficción que vivimos, peor para nós. Desde logo, non é esta a vía escollida nin defendida polo nacionalismo galego existente, coa tradición histórica do pacto fiscal para Galiza ás súas costas, agora posto máis de relevo por necesidade vital e polo contexto político en que vivimos, no que Galiza non debe ficar atrás. O camiño da ignorancia, a ficción e o desprezo pola capacidade de Galiza, continuando a tradición suicida para o pobo galego da dereita española e tamén da esquerda española na Galiza, é no que Feixóo quere manternos encarreirados. Nada que reclamar, nada que esixir e nada que mudar para Galiza....

Comentarios