Opinión

O trasfondo do caso Rajoy

Se a direita mediática está dividida, é porque a direita económica e política tamén o están.


Se a direita mediática está dividida, é porque a direita económica e política tamén o están. Ese é o trasfondo do caso Bárcenas, en realidade do caso Rajoy.

A crise do capitalismo español, que é máis grave que a do capitalismo global, está a agudizar as contradicións no seo das clases dirixentes. Os axustes de contas entre as elites xa sabemos como se dan por aí fóra, véxase o caso de Exipto. No Estado español as hostilidades danse hoxe de outra forma, através de dossieres de imprensa convenientemente filtrados ao meio amigo. Ás veces até se utiliza o meio supostamente inimigo.

Rajoy hoxe é un cadáver político. Non só porque a súa puntuación no CIS é a pior da historia dun presidente español, senón porque a súa posición é absolutamente insustentábel, a mercé dos ataques das terminais mediáticas do sector de Esperanza Aguirre e José María Aznar.

O aparato do PP, incluído Feijóo, obsesionado estes días con refinar as súas dotes escapistas, respaldará a Rajoy porque se cae el, caen todos.

El promoveu a Bárcenas no organigrama de Génova. El mantiña amizade e confianza con Bárcenas e coa compañeira de Bárcenas. El escrebeu en xaneiro de 2013 este sms: "Luis, enténdoo, sé forte". Previamente escrebera este: "Luis, nada é facil, mais facemos o que podemos".

Estes non son os sms que enviaría unha persoa obxecto dunha chantaxe a un chantaxista. Si son os sms que envía un chefe a quen considera aínda un home da súa confianza.

Vai sobreviver o PP tal e como o coñecemos a esta cacería dunha parte moi relevante da direita ao seu líder ou estamos nas vésperas dunha profunda mutación no sistema de partidos no Estado español?

Rajoy dá a entender que non claudica. Non parece probábel que vaia asumir responsabilidades políticas, as xudiciais -un hipotético delito de encubrimento- son aínda puramente especulativas e dependen tamén da correlación de forzas no poder xudicial, unha incógnita difícil de despexar á que se suma o vidrioso papel que xoga neste filme Gallardón, o ministro de Xustiza que se quita do medio -liscou a Perú- xusto no mesmo día en que ía comparecer Bárcenas perante o xuíz.

Hai que investigar non só os corruptos, senón tamén aqueles que, aos corrompelos, se forraron na operación.

O guión de Génova presenta a Rajoy como vítima dunha chantaxe, mais na narrativa de Pedro Jota quen chantaxea é a Moncloa, outorgándolle curiosamente papel de heroe da democracia a Gallardón -ao que, para satisfacer a Bárcenas, e gañar o seu silencio, tería Rajoy que destituír, sempre segundo a versión, quizá mítica, do diario El Mundo.

Hai moito ruído no escenario, o patético e obsceno combate Bieito Rubido-Pedro Jota, ABC-El Mundo, non deixa de ser a escenificación da miseria dunha direita empresarial-mediática que quer mandar sen presentarse ás eleccións. Que non nos despiste ese ruído. Fiquemos co fundamental: os indicios de que o PP se financiou de forma irregular durante as últimas décadas son aplastantes. Con Fraga. Con Aznar. Con Rajoy. A cambio das mordidas, tomou decisións políticas, desde as institucións públicas, que non beneficiaron as maiorías, senón os corruptores. Isto é o que hai que investigar. Non só os corruptos, senón tamén aqueles que, aos corrompelos, se forraron na operación.

Se Rajoy non demite, a dúbida está en saber que irá facer o sector crítico do PP: Pedro Jota, Aguirre, Aznar.

Rajoy non se vai ir polas boas. A súa cultura é a da resistencia. Só se irá da Moncloa se é imputado e Génova confía en que a carga das probas non sexa suficiente para ir a polo presidente (nen sequer se foi a por González, sobre o que pairaba non só a sombra da corrupción, senón tamén a do terrorismo de Estado dos GAL). O aparato do PP, incluído Feijóo, obsesionado estes días con refinar as súas dotes escapistas, respaldará a Rajoy porque se cae el, caen todos.

Se Rajoy non demite, a dúbida está en saber que irá facer o sector crítico do PP: Pedro Jota, Aguirre, Aznar. Desbotada a opción de que se resignen, que farán? Racharán o partido? Aparecerá unha nova forza na direita española? Estamos ante o fin do actual rexime político no Estado? Esas son as perguntas que cumpre facer e non as precociñadas que a imprensa amiga perpetra na Moncloa.

A direita está rota. A socialdemocracia non existe (que dicermos dese Rubalcaba que hai apenas unha semana pactaba co señor a quen agora lle pide a demisión!). O soberanismo debe aproveitar a conxuntura para rearmarse democraticamente e facerse valer.

Comentarios