Opinión

Ou eles ou nós

A ofensiva do capital contra as clases populares para saldar a crise sistémica ao favor deste non ten límites. Iniciouse co retallamento de dereitos laborais fundamentais, co empobrecemento de salarios e pensións. A seguir, unha suba de impostos abusiva incrementando a presión fiscal sobre as rendas do traballo e ao tempo amnistiando a fraude dos ricos.

A ofensiva do capital contra as clases populares para saldar a crise sistémica ao favor deste non ten límites. Iniciouse co retallamento de dereitos laborais fundamentais, co empobrecemento de salarios e pensións. A seguir, unha suba de impostos abusiva incrementando a presión fiscal sobre as rendas do traballo e ao tempo amnistiando a fraude dos ricos. Despois, a demolición do Estado do Benestar, con recortes brutais en servizos públicos esenciais como sanidade ou ensino.

Desta volta esa ofensiva bota man dun vello recurso, a privatización. Na folla de ruta da política neoliberal do goberno Rajoy, figura a privatización do transporte ferroviario ou o cobro polo tránsito nas autovías. A peaxe das autoestradas tamén subirá.Fíxase así mesmo o incremento das taxas municipais nos concellos e un novo aumento do prezo da luz e do gas.

Eliminarase, como xa anunciou o ministro Gallardón, a gratuidade da xustiza. En materia de dependencia reduciranse as contías das axudas, restrinxirase o acceso de novas/os beneficiarios e pularase polo copago en favor do sector privado.

As e os traballadores da área pública veranse novamente golpeados. Reduciránselles as compensacións por incapacidade temporal, terán que se xubilar forzosamente aos 65 -sen poder ser substituídos- e obrigarase as comunidades autónomas a destruír emprego público.

No tocante á sanidade e ensino públicos os recortes anunciados son apenas a punta do iceberg. Os plans do Partido Popular inclúen desde redución da carteira de servizos sanitarios, ou a ampliación de xornada laboral até peches parciais de hospitais e aulas.

As medidas que veño de enumerar non son unha simulación imaxinaria. Todas e cada unha veñen recollidas no 'Programa Nacional de Reformas 2012' que o Goberno español remitiu á Comisión Europea. Un documento de 264 páxinas no que se pautan as reformas coas que cada venres o Partido Popular golpeará a maioría social desde o Consello de Ministros. Asusta reparar en que faltan inda 35 semanas até final deste ano. Aterroriza comezar a escoitar os plans, inda máis duros, para o 2013.

CCOO e UGT rexeitaron, por 'precipitada', a proposta lanzada pola CIG de convocar unha nova folga xeral para a primeira quincena de xuño. Visto o visto, a que hai que agardar? Os plans do goberno español deixan as cousas ben claras. Van a por todo. Non caben liñas vermellas. A oligarquía empresarial e financeira actuará -a través dos seus gobernos títeres- sen límites nin medida contra as clases populares para manter os seus lucros e privilexios.

A cuestión xa é: ou eles ou nós. Non hai concertación posíbel. Non hai nada que negociar. É hora de confrontar contra a minoría explotadora.

Comentarios