Suso de Toro foi, durante moitos anos, un habitual do Sant Jordi en Barcelona. Alén de asinar as súas obras, dedicaba a xornada a pasear entre os centos de postos de libros —paradas, en galego de Cataluña— e parolaba con todas aquelas persoas que o quixesen saudar. Adoitaba tamén falar para os programas de Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC) e nunha desas entrevistas dixo que España enteira debía ser catalanizada para poder celebrar unha festa coma esa.
Seguro que en España, onde xa superaron as liortas e os conflitos identitarios, todo o mundo acepta de bo grado catalanizarse durante o vinte e tres de abril. Na Galiza, porén, non ten demasiado sentido malgastar enerxías promovendo o Día do Libro, que é un fracaso total, cando xa hai unha celebración propia dedicada aos libros e á lectura. A xente sabe o que se conmemora o dezasete de maio, non é unha data nova, mais hai que conseguir que se transforme nunha xornada cívica e participativa. As Letras Galegas nunca van ter unha implantación real entre a sociedade se non se converten nun día laborable que sexa un día de festa.
Cando Sant Jordi cae en día de garabullos é cando máis xente hai polas rúas e máis libros e rosas se venden. Entón devén unha festa sen ser un festivo. Un pódese ausentar do traballo durante un anaco para ir mirar libros e en todas as oficinas, nas tendas, no metro, hai unha alegría especial e rosas que enfeitan o lugar. Que sentido tería romper a maxia dunha data tan enraizada no pobo dándolle motivos para non estar presente nela?
Dentro da estratexia anestesiante que o poder ten para a cultura galega, que o dezasete de maio sexa feriado cadra co feito de tantas outras accións estaren destinadas a provocar a morte sen dor da lingua. Se queren ler, que vaian facelo á praia. Que as librarías non abran, non vaia ser que vendan demasiados libros en galego. Mellor que non haxa nenos e nenas nas escolas, a ver se a euforia de estar de festa dentro do centro educativo co gallo da literatura os leva a ser lectores e lectoras ou (horror!) mesmo escritores e escritoras en galego.
Abondas festas e festivos nos veñen por imposición estatal como para non reivindicarmos un calendario propio deseñado conforme á tradición galega. E non se trata de perder un día de vacacións: se o trocamos polo vinte e catro de xuño poderemos ir comprar libros o dezasete de maio, haberá máis público nos actos literarios e poderemos celebrar a noite de San Xoán ata lavar a cara coas primeiras luces do amencer.
Opinión
Por unha festa das Letras laborable
Suso de Toro foi, durante moitos anos, un habitual do Sant Jordi en Barcelona. Alén de asinar as súas obras, dedicaba a xornada a pasear entre os centos de postos de libros —paradas, en galego de Cataluña— e parolaba con todas aquelas persoas que o quixesen saudar.