Opinión

Rajoy ten un plano: antidemocrático

Rajoy di que ten un plano, aínda que non o explicita. Xa o fai por el o diario de ultradereita La Razón.

Rajoy di que ten un plano, aínda que non o explicita. Xa o fai por el o diario de ultradereita La Razón. Basicamente consiste en utilizar o Tribunal Constitucional -boa mostra da calidade da democracia no Estado é a inexistencia de división de poderes- e en ameazar cunha leitura restritiva e represora do artigo 155 da Constitución española, que, interpretan as forzas unionistas, facultaría ao Estado para suspender a autonomía catalá.

En realidade, o plano de Rajoy é un plano anti-democrático, como moi ben se encarregou de patentizar Artur Mas na súa entrevista na BBC. Por que é posíbel que se consulte ás cidadás e aos cidadáns de Escocia o 18 de Setembro de 2014 e non ás cidadás e aos cidadáns de Catalunya o 9 de Nobembro dese mesmo ano? Esa é a pergunta que as forzas españolas -neste caso, españolistas- non son quen de contestar, xogando a un anacrónico catenaccio detrás dunha Constitución, a de 1978, que é un produto que responde a condicións históricas xa ultrapasadas e que non dá resposta aos problemas da sociedade de hoxe, nen os das persoas nen os dos pobos.

Inseguridade das elites

Rajoy deixou unha frase ben pavera. "Mentres eu sexa presidente, non haberá ningunha independencia de ningún territorio", dixo, curiosa forma de ligar a súa persoa coa integridade do Estado. É unha frase que revela a inseguridade das elites españolas e até a súa má consciencia. Nada parece indicar que o goberno de Rajoy teña por diante un longo percorrido (significa iso que Catalunya se independizará o día en que se mude da Moncloa?). Non importa. Era pura retórica, non tanto dirixida a Catalunya, canto aos seus rivais internos polo control do partido, aos que envía a mensaxe de que el é o garante da unidade.

Esa mensaxe será a que vertebre a próxima campaña eleitoral do PP por moito que formalmente sexa unha convocatoria a Europa. O PP acredita que só se poderá salvar pola vía da axitación españolista, sendo que a economía remonta, mais só para os magnates e os super-ricos.

Comentarios