Opinión

Se tivesen conciencia

Se tivesen conciencia, non durmirían ben sabendo que as súas decisións fan que, por exemplo, a xente doente teña máis difícil curar, pois as normas, leis, decretos que aproban, maximizan a dor e a desesperación de moitos e de moitas.

Se tivesen conciencia, non durmirían ben sabendo que as súas decisións fan que, por exemplo, a xente doente teña máis difícil curar, pois as normas, leis, decretos que aproban, maximizan a dor e a desesperación de moitos e de moitas.

Se tivesen conciencia, perderían o apetito sabendo que por decidir o que deciden condenan aos pequenos e pequenas a recibir unha educación de peor calidade.

Se tivesen conciencia, nunca aceptarían cartos que veñen de fontes escuras, tamén traballarían sen descanso como o resto dos mortais, e saberían que o lucro ilícito os fai peores persoas.

Se tivesen conciencia, promoverían a sociedade do coñecemento, da transparencia, da ética e da responsabilidade política, sabendo que quizais os seus postos perigaban, pero que construían unha sociedade mellor.

Se tivesen conciencia, esforzaríanse por ser líderes para levar a cidadanía cara un mundo mellor, e non porían á xente ao seu servizo en función do que digan as intencións de voto.

Se tivesen conciencia, loitarían por cambiar este modelo inxusto, inmoral, decapitador de ilusións, e axudarían ás persoas a facer unha revolución que cambiase o mundo para levalo cara unha sociedade humana. Absolutamente humana onde as persoas, e non as tarxetas de crédito, tivesen realmente valor.

Se tivesen conciencia, distribuirían os cartos doutro xeito, reservando as partidas principais para saúde, educación e cultura, e non gastarían un peso en armas, sabendo que así apostarían por unha sociedade de futuro.


Se tivesen conciencia fomentarían o estudo da filosofía, da arte, da música, das linguas, é dicir, de todo o que fai a nosa vida mellor. Todo iso que alimenta a alma.

Se tivesen conciencia, viviriamos todos mellor. Pero non teñen non.

Non teñen conciencia.

Comentarios