Opinión

A violencia machista que non cesa

As cifras de violencia machista continúan a ser estarrecedoras e as respostas dos poderes públicos, absolutamente insuficientes.

As cifras de violencia machista continúan a ser estarrecedoras e as respostas dos poderes públicos, absolutamente insuficientes. O problema é que, sendo este un asunto capital, polo que envolve de masiva violación dos dereitos fundamentais de máis da metade da poboación, non fai parte das preocupacións primeiras das forzas políticas.

A reportaxe que publicamos no Tema da Semana do número 140 do noso semanario é unha galería de horrores. Non hai nel nin chisco de demagoxia. Simplemente rexistramos os dados obxectivos. En 2014 foron asasinadas na Galiza 7 mulleres por violencia machista. No noso país foron presentadas 5.209 denuncias e solicitadas 1.327 ordes de protección. Por se estes dados non fosen suficientemente brutais, podemos engadir que en 2014 foron procesados por delitos de violencia machista, no conxunto do Estado español, un total de 18.884 varóns, dos cales 14.202 resultaron condenados.

 Non pode ser que máis do 35% das ordes de protección sexan denegadas, non pode ser que os casos de 15 das 52 mulleres asasinadas no Estado en 2014 fosen cualificados pola policía como de risco "baixo ou nulo"

Á luz destas cifras é obvio que estamos perante un dos maiores problemas civilizacionais cos que batemos hoxe. A raíz do drama áchase en que continuamos vivindo en sociedades de carácter patriarcal, onde a igualdade formal entre mulleres e homes está moi lonxe de ter o seu correlato na igualdade material.  O Patriarcado impón unha orde de prioridades e entre elas, claro, non está unha loita radical e completa contra a opresión que sofren as mulleres. A violencia machista é a expresión máis cruel desa opresión, mais non a única. A discriminación salarial, a feminización da pobreza, a secundarización das mulleres nos postos directivos nas empresas privadas e públicas, nas organizacións políticas e sindicais, son todas manifestacións de que o Patriarcado continúa vixente entre nós. E o Patriarcado mata.

É urxente que os poderes públicos -a comezar pola Xunta da Galiza-  poñan este asunto no primeirísimo plano das súas prioridades. Non pode ser que máis do 35% das ordes de protección sexan denegadas, non pode ser que os casos de 15 das 52 mulleres asasinadas no Estado en 2014 fosen cualificados pola policía como de risco "baixo ou nulo". Esta é unha batalla dura e longa, mais para gañala precísase vontade política e o compromiso decidido por asumir os valores do feminismo na construción de novas sociedades.

Comentarios