Trátase dunha reportaxe editorial dunha revista super ventas en Bulgaria que retrata o busto masacrado de seis modelos, baixo o título de “vítimas da beleza”.
Cunha maquillaxe impresionante, conséguese que as mulleres posen perante a cámara cos rostros desfigurados, como despois dunha malleira: unha delas loce unha fenda de navalla na xugular, outra un bestial sorriso de clown na boca; outra mostra o nariz esnaquizado e mouratóns nos ollos; outra exhibe unha chaga provocada pola queimadura de ácido que lle cobre media cara. As fotos levan este pé: "Estas fotografías non se recomendan a menores de 16 anos, nin a persoas con problemas de corazón".
O sensacionalismo do formato podería levar a pensar que se trata dunha bestial campaña contra a violencia de xénero, cuestionable de calquera xeito, pero a revista non dá máis explicacións.
De todos modos, o máis desagradable nin sequera son as feridas das mulleres, senón a expresión: semella que non fose con elas a dor. Emana das súas miradas a asunción da que exhibe fachendosa unha deformidade conxénita.
Provocación conseguida: o fotógrafo verá multiplicar a súa fama a medida que lle caen os chuzos de punta (algo é algo) e a revista multiplica a venda de exemplares ante o morbo da xente; sabían o que facían.
Porén ese titular de “vítimas da beleza” debe servir de reflexión sobre a violencia no amplo espectro: ás mulleres somos receptoras universais de violencia e autoviolencia (masoquismo). Desde os corsés pasando polos tacóns de agulla, ata as actuais cirurxías de peitos ou vulvas, historicamente fomos escravas das modas, aínda que manquen. Non é de estrañar, quen non recorda aquel “para presumir hai que sufrir”, e máis tarde “parirás con dor”, o certo é que hai quen distingue o xen da dor formando parte do noso ADN.
A igrexa católica que non escatima en iconografía gore, ilústranos esa dualidade a través da mater dolorosa: o masoquismo compracente, por unha banda; e o coidado-servizo por outra. O noso padecemento ten un sentido en función do goce alleo.
En resumo: esas imaxes simplemente actualizan uns recursos misóxinos xa moi vellos.
Co agravante de que no intento necio de chamar a atención, non se lles ocorre outro motivo que frivolizar unha realidade estremecedora, que xera miles de vítimas en calquera parte do mundo, porque o machismo non ten fronteiras. Por iso con cada morte manifestamos a repulsa, a dor e a solidariedade coa vítima, porque todas somos a vítima.
Mais a violencia de xénero simbólica, quen a xulga? A incitación á violencia de xénero, tipo ao que podería levarnos estas fotos, quen a xulga?
Pregúntome que sucedería se o necio do fotógrafo retratara a un modelo de raza negra exhibindo satisfeito as pegadas duns lategazos no lombo. Non só sairía a comunidade negra a devoralo senón toda a sociedade branca en pleno, e ata o presidente dos EE.UU. Con toda seguridade ese individuo quedaría privado do seu traballo e daría cos seus ósos na cadea.
Lémbrense daquel deseñador que foi pillado nunha charla privada na que criticaba ao pobo xudeu. Automaticamente a firma Dior botouno dunha patada no cu.
Canto haberá que brear para que isto suceda. A autorregulación nos media é crucial, pero tamén se precisan mecanismos de denuncia non só cuantificadores, como os observatorios de violencia, senón sancionadores.
Opinión
Vítimas da beleza
Trátase dunha reportaxe editorial dunha revista super ventas en Bulgaria que retrata o busto masacrado de seis modelos, baixo o título de “vítimas da beleza”.