Opinión

60 anos

Dubidaba converter este artigo en resposta ás críticas disparatadas que estes días suscitou en medios diversos a realización do XVI congreso nacional da UPG. Porén, como máis que análises políticas son en realidade mestura de obsesión cega, fanatismo e oportunismo, debo agradecer vivamente a Alfonso Rueda, Carlos Luís Rodríguez, Roberto Blanco Valdés, Caneiro, Jiménez Losantos, e tantos outros, serviren como fonte fecunda e inesgotábel de inspiración para o que en realidade acho que sintetizan 60 anos de servizo ininterrompido á causa do pobo traballador galego. Con erros –quen non– e con acertos, velaí cando menos parte da sinopse real:

Galiza, vontade e acción. Decisión para encetar, partindo case da nada. Ruptura co piñeirismo e o culturalismo. Son os dez puntos, e é o mínimo. O que cómpre agora é determinación. Nunha man o Sempre en Galiza e na outra o Manifesto Comunista, e sempre nesa orde. Galiza nación, autodeterminación, antiimperialismo. Non á emigración. Contan que a UPG lle botou peito en Castrelo de Miño cos seus terzos de asalto.

Noites de pintadas, coladas e reparticións, camaradas. Non hai medo, si precaución. Ferrol, 1972. Folgas obreiras, Vigo. Alternativa democrática e nacional-popular. Audacia. Exilio en Portugal e Carta de Brest. O pobo é quen máis ordena. Clandestinidade.
Sindicalismo nacionalista. Xermolos sindicais, SOG, ING. E despois INTG, até a CIG. A polas organizacións de masas do nacionalismo. A consigna: autoorganización galega a todos os niveis. Moncho Reboiras, a loita continúa. Prisión e represión. Brañas, Marisa, Manolo e Xan, Amnistía xa! E seguimos, non poden con nós. Contra o colonialismo, porque a nosa terra é nosa, e non de Fenosa. Non Xove nuclear. Loita labrega. UPG legalizada un ano despois do PCE. Contra a constitución española e colonial, un non galego e popular. E en coherencia, estatuto nunca máis, bases constitucionais.

O frentismo, aposta estratéxica. AN-PG, BN-PG, Bloque-PSG. E o definitivo, BNG. Xenerosidade, unidade e pluralismo. E na mocidade, aprender, aprender sempre coa forza da UMG, e avante ERGA, os CAF, Galiza Nova, Erguer. Contra o exército español, mili reducida na terra, obxección e insubmisión. Coherencia máxima na lingua galega. Da frente cultural á Mesa.

E non renunciamos á patria galega. Carreiras, cargas policiais, detidos e feridos, represión do goberno progresista do PSOE. E seguimos. Non poden con nós. E conquistamos o dereito a nos manifestar o 25 de xullo, até hoxe. E Rosalía nin se merca nin se vende nin se manipula. E tampouco Castelao, que é dos nacionalistas, non dos españolistas. Francisco Rodríguez, libre!
Camiñar, caer, pórse en pé e volver camiñar. Canto traballo, esforzo e sacrificio. Galiza ceibe, poder popular. E seguimos, sen axuda de ninguén. Coas nosas mans.  Militancia brava que emociona. Mulleres libres na patria liberada. O país de Nunca Máis, e Meirás é do pobo galego. Eterno Bautista, sempre, camarada presidente.

PS: E non, nunca foi certo que a UPG queimase os montes.

Comentarios