Opinión

Caderno de bitácora: o 'Handala' e Galiza

Tiña razón meu pai: o mar é un mundo. Mar inmenso, cambiante, que acouga e se altera, asusta e ao tempo impresiona, atrae e fascina. Cada onda ten vida propia: nace, arrástrase e medra, salta e bota escuma, cae contra a seguinte e despídese en salseiro. Seduce tanto o espectáculo que poden pasar horas contemplándoo, porque nunca é igual. E pasan os días.

O Handala xa non é novo. É un lento e pequeno (20 metros de eslora) pesqueiro irlandés de casco de madeira, botado en 1968, e reconvertido agora en buque humanitario de bandeira norueguesa, rumo a Palestina. Móvese ben co mar de fondo dando de popa e non é doado manter o equilibrio, mais cando dá de costado fai abanear a alma.

A tripulación do Handala é xente que paga a pena. Diversa na súa procedencia, xa ten clara a existencia da Galiza como nación, e tamén a súa bandeira e idioma. Con naturalidade e sen prexuízos. Pouco tempo levou e non fixo falta moito traballo. É o que ten non padecer un ambiente imposto de socialización na anulación do noso país. Iso si, parece haber consenso na tripulación de que Bieito é nome galego difícil de pronunciar. E concordan co norteamericano: sería todo máis doado se me chamase Bob, coma el.

Aoife Ni Mhurchú é irlandesa de Cork, valente e decidida. Nótase. Con experiencia en labores humanitarios e de salvamento de refuxiados, e cun seu ollar que é todo determinación. Das que sabe que vai arriscar a súa vida en Gaza e está disposta a facelo. Por iso, cando me pide a camisola do BNG co barco que leva a bandeira da patria, e xa non me quedan (a última dinlla ao xefe de máquinas, noruegués), xuro e perxuro por non ter máis, e comprométome a facerlla chegar a algún porto, o que sexa. Caoimhe, tamén irlandesa, sabe das conexións Galiza/Irlanda e gosta do noso país, que lle gustaría ver libre. Con 21 anos recibiu impacto de bala en Palestina, e iso non só non a paralizou, senón que a motivou en maior medida.

Ángeles, española de Cantabria, respectuosa con nós, é todo enerxía. Impresiona coñecer alguén desa talla humana e dese compromiso. Clement, mozo bretón de 29 anos, é antropólogo, aínda que fai de cociñeiro (fun tamén chou del), e cumpre ben. Norka, norueguesa, é primeira oficial do buque, sopra coma Xurxo Souto o corno de mar no solpor e aprendeu que ser nacionalista na Galiza non ten a ver co concepto de "nacionalista" que ela cría. A tope con nós. E ademais Felipe, do Brasil, que en breve virá á Galiza; Lina, canadiana de procedencia albanesa, e o inmenso Juan Teixeira, galego de Vigo, bo tipo e fotoxornalista sen medo. Rana Hamida, palestina, emociona cando fala, canta ou fura co seu ollar, como o seu compañeiro de vida e loita Youssef Sammour.

Orgulloso de ser galego e solidario coa Palestina.

Comentarios