Opinión

Palestina e as leccións do 'Handala'

Uxía pensaba que non facía falta ser nacionalista, comunista ou antiimperialista. Cría que non era imprescindíbel defender posicións políticas críticas coa UE ou a OTAN. Pensaba que bastaría simplemente con exercer a condición humana, e non ser alleo nin indiferente ao sufrimento e, máis aínda, á crueldade ou á brutalidade sobre outros seres humanos.

Contaba Uxía que quen ten familia, pais e nais, irmás ou irmáns, fillas ou fillos, sabe do medo á perda do ser querido, e á dor máis profunda e irreparábel por esa perda cando finalmente se produce. Uxía non entra, non quere entrar, no terreo político, mais no emocional, non entende como se pode ter un corazón frío, de ferro, cando como telespectadora observa a matanza sádica, atroz e indiscriminada de milleiros de persoas, de milleiros de crianzas, a ruptura violenta de familias, simplemente por seren palestinas. O peor, en definitiva, que lle pode acontecer a calquera persoa, sexa o que sexa, pense o que pense, e viva onde viva.

Uxía entendía a crueldade case como unha especie de desorde de conduta, ou mesmo como un xénero de resposta emocional ligada a algún tipo de alteración psicolóxica. Por iso non pode comprender a insensibilidade e a indiferenza diante da brutalidade, e moito menos a colaboración con quen a practica. Porque o que hai na Palestina, e iso sábeo Uxía e calquera, non é guerra, senón exterminio, xenocidio, aniquilación dun pobo enteiro. Así, sen matices.

Esta semana chegou ao porto da Coruña o buque Handala, cativo en dimensións e prestacións, mais cun enorme cargamento de toneladas de solidariedade, amizade e fraternidade para Palestina. Fai escala técnica para continuar o seu periplo humanitario cara a Gaza. Uxía non pode entender como unha pequena embarcación humanitaria, e desarmada, pode padecer no porto da Coruña tal acto de discriminación que case ameazou a posibilidade de poder atracar no peirao.

A Uxía tampouco lle entra na cabeza como é posíbel que o Presidente do Parlamento da Galiza, na recepción íntima (pois non foi pública) á tripulación do Handala se negase mesmo a tirar unha fotografía, xa non como proba gráfica de asunción dos postulados humanitarios, senón de mero contacto pasivo para “escoitar”. Nin iso quixeron. Para non se mancharen, seica.

Até aí chega a deshumanización e o egoísmo, pensa Uxía. Non facer nada cando é máis preciso dar a cara, e até pórse do lado de quen agride. É neses momentos, di ela, onde se mira a talla humana, xa non a política, das persoas. Só lle puiden dicir a Uxía que chegará o momento en que a historia porá a cadaquén no seu lugar. E sentirán vergoña do que non fixeron.

PD: Admito que o feito de ser galego, de facer parte dun pobo non recoñecido, faime asumir en maior medida o dereito inalienábel do pobo palestino á súa liberdade e soberanía. Porque non se trata de caridade nin de beneficencia. É simplemente democracia, xustiza, dignidade e paz para Palestina. O dereito a vivir libremente, en paz e sen medo na propia Terra.

Comentarios