Opinión

Xeneticamente galego

Non pretendo analizar neste artigo os recentes resultados electorais nin avaliar o comportamento sociopolítico dunha sociedade galega que, por certo, penso que vai consolidando e ampliando, cando menos electoralmente, o seu sentimento de pertenza nacional, de orgullo e de priorización da defensa colectiva do propio. Imos andando, que é o importante.

A intención é outra. Debía ter o callo da experiencia, seino, mais non saio do meu pasmo ao constatar o comportamento escandaloso e eticamente inadmisíbel dos medios de comunicación do sistema, tanto públicos (TVG e Radio Galega, que pagamos todas) coma privados (eses estómagos agradecidos que tamén pagamos todas pola vía dos abondosos subsidios públicos que reciben) neste proceso electoral.

Por partes. Campaña electoral: apenas información, e onde a hai, o BNG non existe. Como moito, a coalición Agora Repúblicas, iso si, con reiterados avisos a navegantes de estar conformada tamén por EH Bildu e ERC. Ana Miranda non foi candidata, senón que o pasa a ser Diana Riba (ERC). Así se ten explicitado, e así se ten publicado.

Días despois das eleccións. Os mesmos medios que taparon o Bloque, son os que agora publican páxinas enteiras "informando" de que o BNG mentiu e que os seus votos servirán para cederlle escano a ERC. O triste do asunto é que eses medios, pagos polo PP, saben que este método, o mesmiño que se utilizou hai cinco anos e hai dez, permitiu garantir a presenza do BNG no Parlamento Europeo e tempo de exercicio como eurodeputada en función proporcional dos votos obtidos no país. Por certo, moi mellorado nesta ocasión polo bo resultado obtido. 

Contrasta vivamente a intencionalidade destes medios, tanta insistencia na desvalorización da alternativa nacionalista, facéndoa pasar por catalá ou pouco galega, co intento que levan, en paralelo, de facer pasar por galego un señor de Madrid que nin naceu aquí, nin viviu aquí, nin traballou aquí, e que non só non fala o idioma de aquí, senón que o despreza con arrogancia castiza.
Pois si, eurodeputado galego. El recoñece que galego... non o é, mais si ten ascendentes galegos e, por tanto, afirma que "genéticamente soy gallego" (sic). E é tan galego que se queixa, como confesa nunha entrevista nun coñecido xornal, de que "me ha pasado de ir a la administración y que sólo me hablen gallego". Ademais, como bo tránsfuga que tamén é, manifestouse en contra do traspaso á Galiza da AP-9, e defendeu o carácter non prioritario do ferrocarril na Galiza. E non pasa nada. Para eses medios, Ana Miranda non exerce como galega, senón ao servizo dos malvados cataláns, e este individuo pasa por galego e por representante da Galiza no Parlamento Europeo. Tanto lles doe?

PD: Non quero imaxinar a reacción que provocaría que un nacionalista usase a expresión "galego xenético" ou "xenética galega". Mimá! O chorreo ía ser fino. Non fai falta, porque sabemos que Neal Baxter é galego, e ese outro señor con tanta xenética non o é. Aínda que se disfrace de gaiteiro na campaña.

Comentarios