Opinión

Aviso a navegantas

Hai anos escribín que o patriarcado semellaba de plastilina, capaz de reproducirse de xeito constante. Capaz de neutralizar os cambios da sociedade e os avances en liberdade e igualdade das mulleres. A súa arma máis poderosa neste proceso: a violencia machista.

No inicio deste verán comprobamos a súa potencia. Semella sorprender como a violencia vicaria é cada vez máis frecuente. Nesta altura o balance de asasinatos xa iguala o do peor ano desde que hai rexistros. Aterrador. Non obstante, non podemos deixar de interrogármonos sobre o que ocorre. É evidente que non hai unha reposta única.

O negacionismo non axuda, da ás a quen considera que a violencia non ten xénero e agocha o machismo debaixo da alfombra. Cuestionar a violencia contra as mulleres xera un clima de enfado e odio naqueles homes nos que o machismo é a orde natural das cousas, mais isto por si mesmo non explica por que nenos e nenas sofren a brutalidade da violencia. Axúdanos a comprender como fronte aos programas e recursos que permiten a moitas mulleres plantar cara á violencia machista, a reacción diríxese cara aos seus fillos e fillas.

Moitas veces escoitamos que un home maltratador non ten porque ser un mal pai. E moitas veces argumentamos que as crianzas son ferramentas de control das mulleres, xa que eses pais son quen de empregalos para facer dano ás nais. É aí o significado de violencia vicaria. Ante isto é necesario revisar a primeira das afirmacións. Un home que exerce violencia contra a nai dos seus fillos non pode ser un bo pai. Isto que aos xuíces e xuízas tanto lles custa entender necesita dunha reflexión conxunta porque mostra a esencia da violencia machista, isto é, demoler unha muller incluso á costa da dor das propias crianzas. Non son tolos, nin seres violentos. Son homes que consideran que a submisión feminina debe ser total. Nese contexto, os nenos e as nenas son a última oportunidade de control sobre as súas parellas ou ex parellas.

O verán sempre vén tinxido dun aumento dos asasinatos machistas. Comprensíbel. Para moitas mulleres as casas son cárceres que ao rematar a rutina das escolas e os traballos mostran con maior nitidez os barrotes. Este verán comeza rachando estatísticas e sinalando que as leis por si soas non dan modificado estereotipos e conciencias. O traballo social e nas escolas segue pendente. Non chega agardar ao 25 de novembro para encher de lazos e actividades as rúas.

Reunir o comité de crise é o recurso desesperado do goberno. Normal. É difícil encaixar que despois de tantas leis, pactos e recursos a situación sexa esta. Mais esquecemos que o que mata é o machismo. Este segue a reforzarse na denominada manosfera e en moitos discursos de políticos e políticas que consideran a violencia unha especie de enfermidade en busca da vacina.

A violencia machista é estrutural. Escoiteino hoxe varias veces na radio. Se o é, por que non mudamos a estrutura? Enfoquemos ao patriarcado, aos modos nos que se reproduce. O medo sempre é moi rendíbel ao machismo. A violencia vicaria é un aviso a navegantas.

Comentarios