Opinión

Vivimos sen receitas

Respiramos. Un alivio percorre Europa. O aire contido do medo estourou. Miles de persoas bailan nas rúas, cantan a Internacional e por un momento podemos soñar que se pode construír outro mundo. De novo o pobo cumpre. 

A responsabilidade da esquerda é grande. Sempre o foi. Construír desde a xustiza social non é fácil e require algo máis que discursos. Feitos, como xa dicían as sufraxistas, é o que reclaman as persoas que se instalan do outro lado da liña. Esa liña que trazamos entre o fascismo e todo o demais. Diredes que é unha análise de trazo groso, mais a situación require situarse nun lado da Historia. Ese lado que se constrúe de utopías e ilusións. Demasiado pragmatismo na esquerda levounos a isto: o imperio do desencanto. O gran logro do neoliberalismo foi convencernos da ausencia de alternativas. Non hai nada polo que pelexar, que máis dá. Todos somos iguais e só queremos o beneficio propio. Ese mantra da dereita é a nosa perdición. 

A batalla das ideas está por dar. Confío na xente que fronte ao consumismo busca o pracer noutros espazos, que pon en dúbida o modelo de produción, que non quere un turismo de selfie que arrasa co planeta, que ve no inmigrante o rostro dos seus pais e avós buscando unha vida vivíbel.  Esta cuestión que nos propón unha autora como Butler: como conseguir vidas vivíbeis é o reto do noso tempo. É o reto da esquerda. Non renunciar ao seu pasado cheo de acertos e erros, pero pensado o presente.

Con isto quero dicir que a lectura dos clásicos non pode impedirnos ver que hoxe necesitamos redefinir aspectos tan importantes como son as formas de xerar a conciencia de clase social ou a configuración das identidades nun mundo multicultural, ecoloxista, feminista, anti-racista e  non cisheteronormativo. A dialéctica na que vivimos non ten unha contradición principal, todas as contradicións danse ao mesmo tempo nunha matriz de desigualdades que oprime millóns de desposuídas no mundo. Europa, como metáfora, de valores e ideas, tamén de inxustizas e barbaries, víveas nas súas xentes. Xentes ás que cando se lles mostra a cara do fascismo ás veces reaccionan. Semella que o fixeron. 

Deter o fascismo é algo máis que gañar unhas eleccións. Mais isto xa é moito. Hoxe celebramos que Francia dea unha lección, tamén o fixo Galiza, onde Vox é irrelevante. Celebramos e agardamos da política que faga política. Isto é, que esquezamos egos e mesías e confiemos máis nos proxectos colectivos. As palabras unión, colectivo e comunidade non teñen valor porque as repitamos, teñen valor se fan deste mundo un lugar vivíbel.

Lin dunha filósofa que vivimos sen instrucións. Gustoume. Non hai receitas, nin fórmulas máxicas. Non somos inxenuas, o fascismo segue aí. Con cartos, medios de comunicación e estruturas de poder.

Nós seguimos aquí, do outro lado da liña. Imos ver se nos escoitamos, recoñecemos e traballamos xuntas. Unión é máis que unha palabra. É un comezo.

Comentarios