Opinión

'A Xustiza', por Xosé-Bieito Coello Coello

É un principio básico democrático: A xustiza emana do pobo. Polo tanto só o Parlamento elixido polos cidadáns pode facer as leis, modificalas ou eliminalas. Incluso un país como EUA pode nomear presidente un condenado pola xustiza si é elixido pola maioría da poboación.

Os Gobernos teñen que acatar as leis e facelas cumprir, e os xuíces e fiscais interpretalas e xulgar conforme a esencia desas leis. Mais xamais os xuíces e fiscais, como funcionarios do estado actuando libremente, poden interpretalas no sentido contrario do que pretende o poder lexislativo (Parlamento) ou deixar de cumprilas, aínda que como calquera individuo poden opinar sobre elas. 

En España dá a impresión de que algúns xuíces e fiscais non queren entender o que claramente lexislou o Parlamento coa lei de amnistía, e que entendemos ata os profanos. É inaudito que incluso antes de aprobarse a lei, ou sexa sen coñecela, membros do Consello do Poder Xudicial, que por lei teñen caducado o seu posto dende hai cinco anos, teñan a desvergoña de manifestarse publicamente contra esa lei. Eses xuíces e fiscais poden optar pola fórmula de meterse nun partido, e si unha maioría da xente os elixe, facer a lei o seu gusto.

Tamén é democrático e de senso común, que unha maioría dos xuíces que conforman o poder xudicial, os elixa o Parlamento entre unha terna de xuíces de recoñecido prestixio, non se entende que alguén poda opoñerse a isto.

Xosé-Bieito Coello Coello (As Pontes)

Comentarios