Opinión

'Sr. conselleiro, mente', por Xesús Andrés López Piñeiro

Leo no Nós Diario da cuarta feira que na comparecencia no Pleno do Parlamento do 9 de xullo, o señor  conselleiro de Sanidade deixou dito que a agarda por unha cirurxía era de 67 días, un prazo inferior á media estatal. Con toda educación, señor conselleiro, mente. Eu entrei nas listas de espera para unha cirurxía de cadeira o 16 de outubro de 2023. A día de hoxe levo 268 días esperando a que me chamen. Douscentos días máis do que vostede dixo onte no Parlamento galego.

No mes de maio presenteime en Atención ao Paciente de Ferrol, e como primeiro argumento puxen na solicitude que a Xunta facía propaganda de que en seis meses os pacientes estaban atendidos.

Vostede rebaixou onte a dous meses  a  cifra. A  persoa responsábel da oficina preguntoume se fora chamado polo Hospital General de Caranza [privado]. Díxenlle que si. "Pues usted ya fue atendido antes de los seis meses. Al negarse a ser atendido en el Hospital General, el Sergas  cumplió, siendo responsabilidad suya el no ser intervenido. Cumpliendo el Sergas con los días de espera". Señor conselleiro, como máximo responsábel do Sergas, como é posíbel que no parte de alta para cirurxía, escriba con maiúsculas que NON QUERO SER ATENDIDO NO H.G., se lle pasen ao Hospital General todos os meus datos?

Non haberá infracción na protección de datos? Eu non dei autorización para que unha empresa privada, teña o meu teléfono, que saiba que me teño que operar de cadeira, o meu DNI.… Menten, fan escurantismo coas listas de espera, deixan en cadro a sanidade pública e por riba benefician empresas privadas.

Xesús Andrés López Piñeiro (Pontedeume)

Comentarios