Opinión

Ata na sopa

Moitos xornais recollerán hoxe o galiñeiro que se montou hai unhas horas no Congreso dos Deputados a conta da aprobación da Lei de amnistía. A bancada da extrema dereita e, por imitación, a do PP, armou un barullo con moita posta en escena para continuar a desestabilizar o Goberno e pintalo de ditatorial. É o estilo coñecido pola política internacional que tantos desgustos nos leva dando ao longo da Historia, sen que aprendamos do lamentable resultado.

Mais o barullo inherente á extrema dereita cando non mandan os seus é moito máis atrevido cando quen teñen diante son mulleres. Eses políticos exaltados, empurrados por un José María Figaredo con indumentaria de consultor de big four, pero a quen a ministra de Facenda tivo que explicarlle cando aplica o IRPF, non soportan a contundencia de María Jesús Montero rebatendo con datos as mentiras de Vox nin a autoridade dunha presidenta do Congreso repartindo a palabra. Son aínda máis perigosos como machistas que na figura de supremacistas españois, porque na forma e no fondo queren, desexan e promoven que as mulleres, catalás, galegas e de todas as orixes nos volvamos meter na casa.

O vicepresidente ultra da Junta de Castela e León afirmaba esta semana nunha entrevista que o clima social "convida as mulleres a desenvolver a súa carreira profesional sen pensar na natalidade". Como se o que máis sacrifican a maioría das mulleres fose habitualmente o que teñen dentro da casa. Só dúas semanas antes, o xogador de rugby estadounidense Harrison Butker saltaba á palestra por un discurso cargado de misoxinia e homofobia durante a cerimonia de graduación dunha universidade católica. Tras agradecer o papel tradicional da súa muller, asegurou, falando por ela, que "sería a primeira en recoñecer que a súa verdadeira realización comezou cando abrazou a súa vocación de esposa e nai".

O actor Chris Hemsworth facía o propio hai uns días coa tamén actriz Elsa Pataky, coa que casou en 2010. "Sacrificou os seus soños para apoiar os meus", declarou ao recibir unha estrela no Paseo da Fama de Hollywood, sen pensar, como é habitual, na dimensión de xénero do que acababa de dicir. A prensa foille pedir explicacións a ela, como calquera machista recorre ás mulleres conservadoras para lexitimar o discurso. O machismo, amplificado polos medios e agora tamén comodamente representado na política, entra ata a cociña e está ata na sopa.

Comentarios