Opinión

Desiguais

Dicía Marthin Luther King algo así como que a súa xeración ía ter que arrepentirse non só das palabras ferintes e os actos violentos da xente mala, senón da indiferenza da xente boa. Desa que, ante o conflito e a adversidade, tende a pensar que para arranxar un problema só hai que deixar pasar o tempo ata que acabe por resolverse. 

Nunha tendencia proclive á abreviatura de citas históricas para o carteliño, algunhas traducións poñen na boca de Luther King as locucións en primeira persoa "preocúpame", "dóeme" e "estreméceme", seguramente certas a pesar de non seren verbalizadas. Mais ao localizar a frase literal é evidente que a intención do que se converteu nun líder contra o racismo non era situarse no centro, senón apelar a todo un colectivo de persoas empregando a súa proxección e a súa voz.

O soño de Luther King volve ter o seu eco sesenta anos despois nunhas poucas persoas do mundo do deporte. O marco da Eurocopa de fútbol masculino xusto despois das eleccións europeas e ás portas das lexislativas en Francia foi a ocasión para o xogador Kylian Mbappé. Posicionouse, de xeito moi pouco habitual entre os homes futbolistas, "contra os extremos que dividen" e animou a xente nova a votar nos comicios do seu país. Non se referiu a ningunha formación política, mais o contexto era elocuente abondo para pensar en Marine Le Pen. Na súa particular illa de céspede e pelotas, o porteiro da Selección Española Unai Simón sinalou ao ser preguntado por Mbappé non estar seguro de que os futbolistas deban "opinar de certos temas" e acabou concluíndo que "os temas políticos hai que deixarllos a outros". 

Non hai como un home branco, heterosexual e futbolista para sentar cátedra na escola da equidistancia dende a escala máis alta do privilexio. Non foi casualidade que unha muller, deportista e racializada decidira non deixar o asunto aí, algo que si é moi do estilo das categorías masculinas cando hai polémica. A atleta galega Ana Peleteiro alzou a súa voz, consciente de ser "un altavoz moi importante" para quen non o ten, e apelou, ela si, sen medo, sen eufemismos, ao racismo e o avance da extrema dereita. Deulle ao mundo unha lección, como as futbolistas da Selección cando a RFEF intentou silenciar a Jenni Hermoso. Porque as mulleres non somos valentes, entendémonos na colectividade de termos todas as papeletas para ser sempre un pouco máis desiguais.

Comentarios