Opinión

Formemos parte

No Día das Letras Galegas homenaxeamos alguén pola calidade, a diversidade e a transcendencia da súa escrita. Afondamos no contexto, mergullámonos no século, atopamos referencias que nos axudan a comprender aquel momento que foi e que quizais nos aprende como e por que estamos aquí. Lemos en voz alta, estampamos fragmentos nos muros, escrutamos a obra, acollemos a reedición e pasamos a outra homenaxe, abrindo un novo espazo-tempo, sempre fugaz en exceso, e outra profundidade, sempre insuficiente, para lembrar e aplaudir. E volta a comezar.

Malia a presión do reloxo, de todas esas persoas que coñecemos e recoñecemos na brevidade dos meses de tributo, algunhas son capaces de tocarnos máis fondamente se logramos asomarnos con todos os sentidos ao enxoval que deixaron. Non é fácil con Luísa Villalta. Ela mesma tomou consciencia da súa complexidade e foi próxima e xenerosa para explicarse. Reflexionou sobre a música, a literatura e a filosofía. Cultivou a autopoética e apostou por algo tan inusual como escribir limiares nos seus poemarios Música reservada (1991) e Ruído (1995). Como unha compositora universal, reivindicou a unión da poesía e a música como alicerces para explicar a vida. E legounos o valor máis importante: a furiosa actualidade da súa obra.

Luísa Villalta non se enmarca nun tempo nin nunha corrente nin nunha disciplina. Villalta escintila como a ardentía por ser Villalta, a escritora da Cidade Alta que baixou un intre da música para reparar no ruído, na denuncia e no compromiso coas máis vencidas da sociedade. Coas prostitutas, as clases populares, os barrios altos dunha cidade construída sobre a auga que xa moi poucos coñecen. Fixo iso que ela mesma describiu como formar parte. Así vou eu / formando parte. Foi ela, como un suxeito que ben podemos ser nós, quen observou o mundo que podía ser calquera lugar e calquera século para traérnolo a golpes de verso e observación. En concreto (2004) e Papagaio (2006), este último da man das xeniais fotografías de Maribel Longueira, son o cumio de todo. 

A autora que hoxe homenaxeamos estivo e está aquí, a carón da lingua e a xente, contra o atentado ambiental da marea negra e a opresión do pobo palestino. É ela, tan actual e tan viva, malia que se foi tan de súpeto. Oxalá sexamos capaces de achegarnos tan intensamente a Luísa Villalta e acadar a metade do seu compromiso. Oxalá nós tamén formemos parte.

Comentarios