Opinión

Nas luces, as sombras

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de condenar o Concello de Vigo polo ruído ocasionado pola tempada de Nadal a unha muller e dúas crianzas residentes no centro da cidade. A sentenza, que aínda non é firme, suponlle ao consistorio a irrisoria cifra de 600 euros, dos 1.640 que solicitaba a demandante.

Ese lugar epicentro das luces, as atraccións e un fío musical de menos dunha ducia de pistas que soa en bucle varias horas ao día durante dous meses está a converterse nun non-lugar. Sabémolo ben quen vivimos aquí, unhas por sorte ou privilexio, outras pola resignación de ter que pagar un mínimo de 500 euros ao mes por habitar un espazo de menos de 40 metros cadrados. É o custo de vivir de alugueiro nunha cidade no noso país. 

O das luces de Vigo é só unha parte do problema que están a vivir as cidades e moitas vilas galegas, que vai moito máis alá dos acontecementos e as tempadas turísticas. As consecuencias da xentrificación e a concentración demográfica no eixo atlántico son visibles en calquera época. É decidir entre durmir ou abrir unha ventá para que entre o aire, canda o ruído dos coches e as motos de reparto a domicilio. É concibir o ocio como unha actividade de consumo, en parte por cultura, en parte pola carencia cada vez máis visible de espazos nos que simplemente poidamos estar e sentar a falar ou a ler un libro. É converter os lugares onde nos abocan a vivir en enormes centros comerciais, luminosos e envurullados nun rebumbio.

Non é algo que eu diga, por moito que o sufra, nin que non exista, por moito que insistan os negacionistas da xentrificación, que tachan de atraso todo o que trata de poñerlle paus ás rodas ao monstro que atenta contra a nosa propia natureza e calidade de vida. Certo é que aínda somos, por fortuna xeográfica, un refuxio climático. Presumen diso asociacións eólicas, mentres as aspas nos rouban a paisaxe e o silencio. A pregunta é por canto tempo seremos ese refuxio, e para quen.

Medran os estudos que asocian o sedentarismo, a precariedade, o illamento, os ritmos de produción, a exposición ás pantallas, o estrés e a contaminación luminosa, acústica e ambiental coa mingua da nosa saúde física e mental. Elementos, todos eles, estritamente vencellados á vida nas contornas urbanas. Onde vivimos, gústenos ou non nos guste, esquivando nas luces, as sombras. O modelo é insostible e o momento de abordalo é agora.

Comentarios