Opinión

Números

Nunca se me deron ben os números. Foron, literalmente, o meu peor pesadelo durante toda a etapa escolar –tiña soños terribles co meu profesor de física e química– e suspendín matemáticas na selectividade. A miña relación cos números consistiu nunha serie de fracasos e episodios de ansiedade, ata o día que descubrín a álxebra e as porcentaxes. Grazas ao misterio das x e as y, combinadas coa miña natural curiosidade, comprendín por primeira vez canto me podían axudar as cifras a descifrar o mundo, as inflacións, os superávits, a enerxía ou a vivenda. Sen saber ler estes datos, sei que non sería a mesma xornalista nin a mesma persoa. Aínda que, con moita máis frecuencia da que me gustaría, faga mal os cálculos.

Ultimamente lembro moito a unha compañeira que non sabía facer regras de tres. Pedía asistencia constantemente cando lle tocaba redactar unha peza sobre economía ou que requiría realizar algunha comparativa temporal de datos. Malia que nunca me importou axudala, amolábame que o único motivo polo que non sabía confrontar esas tres cifras era que non quería saber como se facía. A pesar de atoparse case a diario co mesmo problema, actuaba como se o asunto non fose con ela. Para min –que, debo insistir, son moi burra para os números–, esa actitude diante da vida explica moitas das cousas que nos pasan por riba como un tráiler mentres atendemos a outra cousa. Neste tempo, é un virus. Entre o virus, a vacina e as mortes, hai quen insiste en non querer despexar a xe. A xe, para quen queira sabelo, chámase paradoxo de Simpson. Ou, dito doutro xeito: vacinádevos.

Comentarios