Opinión

Onde está o PSdeG?

Na esquerda galega hai un silencio de moito ruído. A masiva manifestación do domingo en Palas de Rei acusou a ausencia dun PSdeG que se mantén discreto, calado ou equidistante, segundo o día, co proxecto de Altri na Ulloa. No debate da CRTVG para as eleccións europeas –televisado nun horario inaceptable–, ao socialista Nicolás González Casares non lle quedou outra que responder ante unha Ana Miranda (BNG) e un Juan Villoslada (Sumar) que viñan de estar na rúa.

Escudouse na súa candidata, Teresa Ribera, "unha líder global en materia ambiental", para afirmar estar "seguro" de que o PSOE "vai estar" coa cidadanía e "no respecto ao territorio". Para que un político transmita seguridade non abonda con estar seguro. Especialmente nun PSdeG que non acaba de abrazar a seguridade do PP á hora de acoller atentados ambientais –e defendelos, como fixo Millán Mon– nin a firmeza de quen está á súa esquerda.

Comentarios