Opinión

Papistas e fascistas

De todas as cousas que podían pasar nas eleccións europeas, confirmamos a peor. A extrema dereita, non unha, senón ata 40 partidos de racistas, machistas, homófobos, misóxinos e fascistas, pasaron a ocupar un mínimo de tres porcións de cadeiras na Eurocámara.

Preocupante que en tan só dous países europeos, Irlanda e Malta, non houbese ningunha representación da ultradereita. Incrible que en referentes como Alemaña, Francia e Bélxica estes comicios aos que se lles dá a mínima importancia no xantar familiar lograran facer cambalear gobernos sólidos e democráticos. Nin a Cámara italiana liderada por un Fratelli d'Italia denominado "non homologable" á extrema dereita por Alberto Núñez Feijóo puido librarse dunha malleira ao máis puro estilo ultra a un deputado de Movemento 5 Estrelas en plena sesión parlamentaria a mans dos socios de Meloni na Liga de Salvini.

Aterra pensar que, por moito que Galicia se teña librado varias veces dunha manda de retrógrados no seu Parlamento, o mundo se estea a encher de nostálxicos do peor pasado e negacionistas e trileiros do presente. No noso país, 48.000 persoas votaron a Vox e 23.000 ao axitador e produtor de embustes Alvise Pérez. Ambas formacións superaron 6% do voto galego nestas eleccións.

A ultradereita é un enorme tumor maligno para a democracia. Como os seus argumentos son incompatibles co avance social, sérvese de mentiras e artificios para presentarse como alternativa salvadora de todo o demais. Así penetra na sociedade e comeza a estenderse ata provocar un fallo orgánico fatal. As aturuladas formacións de esquerda carentes de autocrítica destrúense entre si, a prensa comeza a abrir o debate de ata que punto hai que darlle voz a un fascista, despois de terlla dado como a calquera outro durante anos.

O colmo é que as novas formacións de ultradereita queren ser máis papistas que o Papa. Incendian un chío de Falange Española que apoia a atleta Ana Peleteiro co argumento "el patriotismo es incompatible con el racismo" e case fan parecer moderado a un falanxista. Insinúan que o feminismo é autoritario e chámanlle á igualdade ideoloxía de xénero. Describen as persoas trans e LGTBI como violadoras, enfermas e espurias. Mentres, o mesmísimo Papa fai chistes homófobos. Mentres, formacións de dereita como o PP xogan co demo aos pactos de goberno e tratan de emulalo para que non lles faga sombra. Santo remedio.

Comentarios