Opinión

O anticristo

Un tipo que tampouco é que sexa Robespierre ou Lenin, coma é Enric Juliana, tivo un "debate" televisivo, a costa da aprobación da Lei de Amnistía no Congreso dos Deputados, con José Manuel García-Margallo (ex ministro e suposto pepeiro ilustrado) e un deses xornalistas mercenarios que din o que lles pagan por dicir –e que nin sei como se chama– arredor da cerna do que algúns denominamos Réxime do 78 (iso que xente coma o propio Juliana, e outros chiripitifláuticos, diría que non existe porque esta é unha democracia consolidada e homologada e bla bla bla). 

Sostiña o catalán o obvio, que, segundo a Constitución, a soberanía nacional reside no pobo español (que tal cousa exista xa é outro debate) e que aos xuíces (cuxos membros do seu máximo órgano de goberno están en rebeldía negándose a desocupar os seus cargos caducados) non os elixe o pobo directamente. Os outros dous sacaron a fume de carozo a artillaría "bolivariana" e apelaron a non sei que prerrogativas do dereito español. 

As cousas están como estiveron case que sempre nestes lares. As elites permanecen aniñadas na trama estatal e empregan certos poderes non electos, coma a monarquía ou a xudicatura, a xeito de muro de contención contra o principio democrático que, regularmente, expresan os pobos. Esta contradición, que en realidade é mostra da complexidade do Estado en si, aínda que é moi española, non é unicamente española. A democracia liberal consiste precisamente en xestionar o conflito político empregando as aberturas oligárquicas do Estado para evitar calquera cambio radical na situación. Por iso, en tempos de turbulencias como os actuais, os vasos comunicantes entre liberais e extrema dereita son moi fluídos. A súa última ratio coincide.

A peculiaridade do Estado español é que non só tivo que empregar este método de forma recorrente, senón que pasou boa parte do século XX nunha ditadura cuxa lexitimidade emanaba da aplicación extrema do principio oligárquico sobre o democrático. A maioría dos membros da xudicatura proveñen de aí ideoloxicamente. E contan cunha tradición de longo alcance: o gran teórico sobre excepcionalidade soberana do Estado constituído, empregada polas elites para evitar o triunfo desoutra excepcionalidade soberana do Estado constituínte popular, foi un liberal decimonónico español, Juan Donoso Cortés, para quen a irrupción do pobo na area política significaba, nada menos, que a chegada do Anticristo. Nesas seguimos.

Comentarios