Opinión

Paifocadas

Barreiro Rivas e a súa parella de baile, Blanco Torres, nunca defraudan. Cinismo profesoral e vea de pescozo inchada. Literatura "pollavieja".

En "La España vacía vista desde Forcarei", B.R. abordaba o fenómeno que remove o mapa partidario estatal. Di que prefire falar de "España baleira e non baleirada" e toma Forcarei como exemplo para matar dous paxaros dun tiro: condear a rebelión de casteláns e aragoneses, que pode complicar aínda máis o esquema bipartidista, e españolizar a problemática do noso rural. Ademais, safaba por elevación, deporte favorito da dereita galega.

O porno comezaba ao dicir que o devalo de Forcarei non se debe a causas estruturais. "Lo hemos vaciado nostros mismos", ao "desertar del arado" e emigrar. Non houbo políticas conscientes de expulsión senón culpa colectiva e voluntaria. Quen viaxe polo rural francés sabe que isto é unha falacia. B.R. non concibe un rural moderno. A escolla, logo, é entre un rural escravo ou poder ir á universidade e ás fábricas, aos comercios e aos despachos (sic). Hoxe Forcarei, di, goza dunha chea de servizos (os dun xeriátrico, e xa vemos como andan as residencias!). Se a xente non fica é porque prefire vivir en "sociedades abertas, con novos estilos de vida, con todo o que ofrece o mundo".

Está reseso. Pensa que as pequenas cidades galegas son metrópoles globais e, malia o toniño de estar de volta de todo, non dá conta de mudanzas que están marcando as sociedades actuais. Cambios como a revisión da idea de progreso, o auxe do ecoloxismo e dos estilos de vida relacionados cunha existencia máis saudable, sinxela e natural. Cambios como a ubicuidade das telecomunicacións, e por tanto do acceso á información e si, tamén aos estilos de vida. No plano cultural, que é remoto e central está en cuestión. Escoite ás Tanxugueiras! Ademais, o repregramento da globalización fará necesario producir de novo a nivel local, alimentos incluídos.

O texto só oculta o temor de B.R. a que o mapa político estatal se complexice. Exonera ao PPdG do devalo demográfico (tamén das cidades!), da emigración da xente nova e do estado do rural. Está enferruxado. Analiza o presente cos criterios paifocos do desarrollismo franquista, cando triunfaba a lóxica expresada de xeito tolo e bufonesco polo exalcalde de Ponteareas, José Castro, cando ao ser inquirido pola desfeita urbanística da vila contestou que en Nova York tamén hai edificios altos e a ninguén lle parece mal. Pobre Forcarei.

Comentarios