Opinión

Un mapa preciso

Poderíase dicir que a gran manifestación que decorreu o domingo polas rúas de Palas de Rei contra a localización dunha megapasteira nas comarcas do centro de Galiza responde, entre outras cousas, á nova sensibilidade ambiental presente nas sociedades desenvolvidas. Poderíase dicir se non fose porque na historia do movemento popular galego moderno algunhas das mobilizacións máis grandes responderon sempre a cuestións relacionadas coa defensa de paraxes naturais e de formas de vida ameazadas por proxectos con espírito de industria de enclave ou, coma no caso do Prestige, pola desvergoña dunhas elites alienadas do país.

Nas rúas de Palas de Rei escoitáronse lemas de resaibo clásico ("A terra é nosa e non da Celulosa!") que retrotraían outras loitas do pasado. Esta continuidade e memoria do movemento social é o mellor antídoto contra o efecto montaña rusa –do ceo ao inferno en tempo récord– tan habitual desde a eclosión da chamada nova política. A falta de alicerces edificados sobre unha tradición arraigada está a levar por diante a esquerda en toda parte. 

Tras a desagrarización, industrialización-reconversión e turistificación de Galiza, o papel de boa parte do territorio como fornecedor de materias primas sen elaborar continúa tan boiante coma sempre. E a resposta a esa contumacia tamén. A manifestación supuxo un grande éxito para as organizadoras que teñen agora tras de si a parte máis concienciada do país. Cabe apuntar, como elemento novidoso –pois algo debe aos cambios sociais do presente– a presenza de mulleres novas e resolutivas liderando o movemento. 

No plano político, o apoio sen ambaxes do nacionalismo á mobilización social, a ambigüidade irritante do PSdG (non moi calculada visto que cometeron o erro de non acudir á manifestación), a responsabilidade da consultora do caciquiño José Blanco no proxecto de instalación da pasteira na súa propia terra e a presenza do presidente da Xunta no enésimo conciliábulo ultraespañolista en Madrid á mesma hora que se estendía a indignación pola Ulloa deita un mapa tan preciso e transparente sobre cal é a dinámica histórica da política galega que un non deixa de abraiarse. No tempo en que todo se volve escuro e difícil de interpretar, neste recuncho do mundo as cousas son diáfanas: só hai que deterse un minuto a ver o mapa para saber de que vai todo isto.

Comentarios