Opinión

Avanzar con rigor

[Yuri Carrazoni]

Hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, cómpre lembrar que a temperatura dos océanos segue aumentando, o nivel do mar segue subindo e cada vez esgótanse antes os recursos naturais dispoñíbeis para todo o ano. O cambio climático progresa a un ritmo vertixinoso e urxen solucións antes de que sexa demasiado tarde. Cómpre avanzar na descarbonización e na substitución dos combustíbeis fósiles polas enerxías renovábeis. Pero non de calquera forma e a calquera prezo.

Nos últimos meses a Xunta da Galiza pisou o acelerador sobre a enxurrada de expedientes de parques eólicos que acumulaba en San Caetano para dar luz verde a boa parte deles, moitos recorridos ante a Xustiza por colectivos veciñais e ecoloxistas que alertaban do seu potencial impacto. O Tribunal Superior acabou por estimar o argumentario de quen dubidaban do proceder da Administración galega, acollendo a solicitude de suspensión cautelar para 40 de 43 proxectos analizados ante os potenciais “danos irreparábeis” que poderían ocasionar sobre o medio ambiente.

E igual que no salvaxe oeste coa ‘febre do ouro’, as multinacionais lánzanse á carreira pola eólica mariña galega sen que nin sequera comezase e ante as serias dúbidas do sector pesqueiro e o ecoloxismo. Claro que Galiza, como calquera outro país, precisa seguir avanzando na implantación das renovábeis. Pero non de calquera forma.

Comentarios