Opinión

A batalla do Río Seco

[Xoán Costa]

Primeiros meses de 1371. Terras da Ulloa. As tropas galegas de Fernando de Castro enfróntanse a un exército mercenario e multinacional. O resultado, a batalla de Porto de Bois, marcou o futuro da Galiza. Sete séculos despois. O mesmo espazo. Un amplo movimento social enfróntase contra a actual forma de ocupación do territorio, a do capital transnacional que, máis unha vez, pon os seus intereses por diante do futuro da Galiza. Contra iso vanse manifestar millares de persoas neste 26 de maio.

No século XIV o reparto de privilexios por parte do bando trastamarista foi significativo mais non foi quen de comprar a clase dirixente máis comprometida, liderada por Fernando de Castro. Só a derrota militar abriu camiño para o dominio castelán-andaluz sobre a Galiza.

No século XXI a compra de privilexios toma outras formas. Non é previsíbel que nos próximos meses nos invada un exército multinacional. Non, mais os mercenarios do capital transnacional mercan páxinas de xornal para nos convencer dos beneficios dunha industria que, din, vai criar millares de postos de traballo sen ningún impacto ambiental. Nada diso é certo. Si é verdade que a menos de 5 kms de Porto de Bois está o predio de Río Seco, campo de batalla onde pretende instalarse Altri. O topónimo fala ás claras do que lle acontecerá ao Ulla e con el á Galiza.

Comentarios