Opinión

Bruxelas nada decide

[Xoán Costa]

No mercado mundial de automóbeis a China fabrica uns 27 millóns de unidades ao ano. Son tantos como a suma dos feitos en Xapón, India, Corea do Sur, Alemaña e USA que, hai uns meses, se posicionou contra a importación de vehículos eléctricos procedentes da China. Agora a UE lánzase a lles pór aranceis para frear esas importacións e favorecer os produtos americanos, especialmente os do fabricante Tesla.

As pasadas eleicións europeas pretenderon estender a idea de que Bruxelas decide moitas cousas que afectan o noso día a día mais pouco precisamos averiguar para corroborar que esa idea non se axusta á realidade. É certo que en Bruxelas se formalizan legalmente asuntos que nos atinxen, mais a verdadeira función de Bruxelas non é tomar decisións. Máis ben é distribuir as tomadas noutra parte. Bruxelas é o grande centro loxístico de distribución, unha especie de armacén global, desde o que se distribúen aos Estados membro, e non só, as decisións sobre política pesqueira, agrícola, industrial ou militar tomadas noutros ámbitos. O veto aos coches chineses mostra a posición de verdadeira dependencia. Mais a posición cómplice con Israel ou a política de control das fronteiras mediterraneas é un enorme lastre que a priva de autoridade e de prestixio en asuntos da esfera internacional e do ámbito interno.

Comentarios