Opinión

Castelao fechado

[María Obelleiro]

Conmemórase hoxe o Día do Orgullo LGTB+, tamén os 88 anos do Estatuto do 36, que para celebrarse tivera que sortear unha carreira de obstáculos e, ademais, fanse 40 anos da chegada dos restos de Castelao á Galiza, da carga policial contra as persoas que se manifestaban -convocadas polo BNG- contra o que consideraban o secuestro do autor do Sempre en Galiza e da emocionante narración da xornalista Tereixa Navaza desde a TVE. Gran parte da poboación descoñece o porqué da polémica e das protestas, motivadas, como ilustrara Bautista Álvarez, por chegar “ao lombo dos herdeiros políticos daqueles que o mandaran ao exilio, escoltado polos mesmos que perseguiran a súa obra e pensamento durante o franquismo”.

Naquel momento, era obvia a manipulación do pensamento de Castelao. Hoxe é máis sutil, máis sofisticada, pero segue aí por parte de quen o quere manter fechado no Panteón dos Galegos Ilustres, con humidade sobre o sartego incluída, e de quen lembra e enxalza a súa faceta literaria e artística, mais agocha á mantenta a de ideológo e político nacionalista. Recuperar aqueles extractos do Sempre en Galiza que lera Tereixa Navaza son a mellor homenaxe para sacar do ostracismo a Castelao no 40 aniversario da chegada dos seus restos á Galiza.

Comentarios