Opinión

Centro ou periferia?

[Alberte Mera]

Que os grandes medios de comunicación, impresos, dixitais, canles de televisión ou radio -mesmo a CRTVG-, e que os discursos de representantes institucionais e de partidos estatais na Galiza xiren ao redor do que acontece en Madrid, que as informacións abran non só co que di o Goberno español senón que a axenda acción-reacción mediática sexa marcada pola presidenta madrileña fainos sentir, efectivamente, periferia. Mais todo na vida será centro ou periferia dependendo do punto que se tome como referencia. Nós Diario ten o seu centro na Galiza e na sociedade galega. E con esta referencia de sermos centro e de pór na cerna da información as problemáticas e retos que ten Galiza realizarase unha cobertura especial da campaña das eleccións ao Parlamento Europeo que onte deu comezo. Ao longo destes 15 días poderán ler nestas páxinas e no dixital información precisa do día a día da campaña, coas propostas programáticas que formulan as distintas candidaturas; ao tempo que se achegarán artigos de análise con firmas de primeiro nivel sobre a realidade galega en múltiples campos cruciais nas nosas vidas e que están en xogo nestes comicios (industria, agro, pesca, dereitos sociais, lingua...). Entrevistaremos representantes das formacións políticas que aspiran a lograr escano e realizarase seguimento informativo da axenda política. De novo, o 9 de xuño, Galiza decide.  

Comentarios