Opinión

Currás e o 'Xirarei'

[Alberte Mera]

Aproveitando que Nós Diario está a rememorar as cancións do verán, unha por ano, no caderno Máis, que mellor que tirar daquel "Xirarei, e xirarei e xirei" de Xil Ríos para describir o que está pasando nas altas esferas económicas e os noutrora altos cargos da Xunta da Galiza co Partido Popular. Efectivamente, caras lectoras e lectores, esta semana puidemos ver un caso exemplar de porta xiratoria. Antonte coñecíase que o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, farase coa Presidencia do Dépor. No seu equipo directivo estará Marta Fernández Currás, a primeira conselleira de Facenda de Alberto Núñez Feixoo na Xunta e despois secretaria de Estado de Orzamentos no Goberno español de Mariano Raxoi.

Currás promoveu a fusión das caixas de aforros galegas, que deu lugar ao banco que o Estado rescatou con 9.000 millóns de euros e que logo foi "regalada" a Escotet por 1.000. En só 6 anos, Abanca deu máis de 3.000 millóns de beneficios. Negocio redondo. Ben, pois agora Escotet leva a ex conselleira do PP coa fusión das caixas consigo á fronte do Dépor. Non queda aquí o "Xirarei". O ano pasado a enerxética Econer fixou como conselleira Marta Currás. O presidente da compañía é Luis de Valdivia. Foi investigado pola Fiscalía, acusado de trato de favor pola Xunta, nos últimos anos do Goberno Fraga, estando na Dirección Xeral de Industria o seu cuñado, Ordás Badía.

Comentarios