Opinión

Madeira xusta, risa dáme!

[Xoán Costa]

Desde 2002 cada segundo sábado de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto. Centrado primeiro no sector alimentario, fóronse integrando outros mercados que van da cosmética á roupa. Os produtos que se acollen a este modelo chegan a nós cun selo impreso que garante a comercialización e produción consonte os criterios internacionais do Comercio Xusto, recollidos nun decálogo que fai referencia tanto a prácticas xustas e cumpridoras dos dereitos humanos, laborais e sociais como á protección do medio ambiente mediante técnicas de produción ecolóxicas e respectuosas co territorio.

Un dos ramos acollidos ao selo de Comercio Xusto é o forestal, sector de actualidade na Galiza polo impacto ambiental que ten o monocultivo de eucalipto e a industria pasteira instalada á sombra –é un falar pois nen sombra dan- desta especie vexetal. 

Resulta ben chamativo que empresas dedicadas á produción de pasta de papel con madeira de eucalipto, e cun longo historial contaminante por terra, mar e ar, luzan ostentosamente o logotipo de “madeira xusta”. Lóceo Ence en Pontevedra, que anuncia unha ampliación de instalacións, e de contaminación, digo eu. Lóceo Altri en Portugal e lucirao na Ulloa. De nós depende que o Ulla, por Padrón, teña algún día que pasar cantaruxando: Madeira xusta, risa dáme ese nome que levás!

Comentarios