Opinión

Manifesto de Rueda

[Xoán Costa]

Leo no web xunta.gal que o presidente Rueda e o presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte asinaron en Valença un manifesto para impulsar a liña de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Porto. "Que ben!"... Pensei, pois é habitual que un mandatario, se viaxa fóra do seu territorio, asine acordos coas autoridades dese territorio en beneficio da cidadanía de ambas as administracións. O que non é tan normal é que asine ... un manifesto. Mais iso foi o que fixo Rueda en Valença: asinar un manifesto sobre a alta velocidade Porto-Vigo. Ninguén discute a necesidade de máis conexións entre a Galiza e Portugal, mais o papel dun gobernante, neste caso do presidente da Galiza, non é o de asinar manifestos senón utilizar as competencias que ten, e se foren insuficientes debería reclamar máis, e non desviar a atención a través de reunións con entidades que teñen certa capacidade de xestión mais son politicamente dependentes. Sexa ousado, presidente. Reclame competencias, para o que sempre contará co noso apoio, que é o propio de gobernar -dirixir unha colectividade, especialmente un país ou nación por medio de leis ou disposicións- e reserve para o ámbito persoal asinar manifestos -escrito onde unha persoa ou un grupo dá a coñecer a súa ideoloxía ou as súas intencións-. Galiza sairá gañando.

Comentarios