Opinión

Polo pan baila o can

[Xoán Costa]

Parece que o presidente Rueda comeza a botar contas. O seu mandato asenta nunha elevada porcentaxe de votos e goza dunha ampla maioría no Parlamento. Ora, a teor das derradeiras actuacións -máis encamiñadas cara ao vello refrán que asevera “se queres que te siga o can dálle pan” do que cara a avanzar en benestar social- parece non estar seguro do seu futuro.

Algunhas das medidas tomadas esta mesma semana así o poderían indicar. A primeira, a aprobada na segunda feira ao declarar"proxecto industrial estratéxico" a mina de Cobre San Rafael no Pino e Touro, coas vantaxes e beneficios na súa tramitación que o PIE  implica e a pesar de non contar aínda co texto legal que unifique e actualice a regulación en materia ambiental. Na terza feira o Parlamento da Galiza, cos votos a favor do PP, admite unha proposición de lei que abre espazos até agora non permitidos a mineiras e enerxéticas sen introducir a posibilidade de estabelecer algunhas limitacións as compañías que pretendan ser beneficiarias de concesións para explotar os recursos do país, como podería ser ter a sede social e fiscal e facer fronte ao pagamento de todos os tributos na Galiza.  

PS: O predio onde pretende instalarse Altri é un coto de caza privado. A fin de contas, o can de boa raza pensa no pan e na caza.

Comentarios