Opinión

Que boa romaría

[Xoán Costa]

"Que bõa romaria con meu amigo fiz”. Quen así canta é Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, mais ignorante total de que no territorio ao que acode en romaría hai unha nación que na Idade Media proxectou o seu saber sobre a Europa que preside con cancións como esta de Joan Servando da que está tirado o verso que inicia este editorial. O seu amigo nesta romaría é Alberto Núñez Feixoo, o xenete que máis esporea o seu cabalo corredor contra a lingua e a cultura da Galiza.

Un e outra farán boa romaría no Pino, na contorna da capela da Magdalena, a santa que estivo no Calvario aos pés da cruz, a que nunca negou o Mestre, a adúltera salvada das pedradas que hoxe sería lapidada polos que se autoproclaman salvadores da democracia. Lástima que non poida vir Meloni, esa proeuropea que Feixoo quere ben e pola que suspira, sen dúbida guiado pola leitura da cantiga de Joan Fernandiz de Santiago que comeza “A dona que eu quero ben” e que, resumindo, pon na boca do amado palabras de insatisfacción e unha grande coita de amor pois aínda que non hai no mundo outra cousa que el tanto desexe como ir xa a onde a poida ver, máis vale non a ver, “pois eu deséxoa sempre máis cada vez que a vexo”.

Que orgullo para nós, galegas e galegos do século XXI dispor dese inmenso “universo cantigas”que nos europeizou sen deixarmos de ser nós.

Comentarios