Opinión

R de Rueda

[Xoán Costa]

Reducir. Reutilizar. Reciclar. Por fin podemos presumir de goberno, e de presidente comprometido coa Galiza. Un presidente que sabe aplicar, no decorrer dos días, a política dos tres R: Reducir en gasto sanitario, en ensino e servizos sociais; reutilizar ese aforro para financiar, de maneira moi pouco transparente, medios de comunicación que favorecen a ideoloxía do goberno que os mantén vivos con diñeiro público, e reciclar as políticas antisociais que a día de hoxe nos sitúan na derradeira posición entre as comunidades do Estado.

Hai moitos outros R cos que o presidente lograría facer política radicalmente útil á sociedade. Podería usar o R de revisar para revirar a ridícula política lingüística prendida ao relato do díxome díxome da imposición. Tamén podería revogar decretos e rescindir contratos para recuperar usos e falantes e rematar con situacións intensamente perversas, porque perversidade é, no chanzo máis elevado, pór as leis ao servizo da inxustiza. Podería renegar do desinvestimento en ben estar social e repensar o sistema de financiamento para intentar rabuñar máis competencias e regulamentar fórmulas que permitan que os nosos recursos xeren riqueza residente no territorio. Mais, infelizmente, dos moitos R posíbeis, o único polo que se guía o presidente é polo da inicial do seu apelido.

Comentarios