Opinión

Caos ideolóxico

Resulta abraiante a frecuencia con que sae da boca da xente a descualificación e o rexeitamento da política e, sobre todo, dos “políticos”. Nunca apandaron con tanto desprestixio.  Acúsase os “políticos” de seren os responsábeis de todos os males presentes. É unha acusación tan xeneralizada como absoluta, sen matices nin graos. Dá a impresión de que todos son iguais, sen diferenzas ideolóxicas entre eles e, moito menos, diferenzas políticas prácticas. Son considerados como unha especie de caste ou clase social,  caracterizada por uns supostos intereses corporativos, alleos aos das  maiorías sociais. Convertéronse no albo de todo tipo de descualificacións, onde se proxectan todo tipo de frustracións, dificultades e desgrazas padecidas pola meirande parte da poboación.

Resulta abraiante a frecuencia con que sae da boca da xente a descualificación e o rexeitamento da política e, sobre todo, dos “políticos”. Nunca apandaron con tanto desprestixio.  Acúsase os “políticos” de seren os responsábeis de todos os males presentes. É unha acusación tan xeneralizada como absoluta, sen matices nin graos. Dá a impresión de que todos son iguais, sen diferenzas ideolóxicas entre eles e, moito menos, diferenzas políticas prácticas. Son considerados como unha especie de caste ou clase social,  caracterizada por uns supostos intereses corporativos, alleos aos das  maiorías sociais. Convertéronse no albo de todo tipo de descualificacións, onde se proxectan todo tipo de frustracións, dificultades e desgrazas padecidas pola meirande parte da poboación. Serven de corpo e rostro contra o que cuspir anatemas, aldraxes e  rancores por tanto desagrado co existente.  Teremos claro que semellante desprestixio é un mal síntoma para unha sociedade que presume de democrática. Desde logo, tampouco é un sinal de que estea a mudar para mellor. É máis, en nome da non política e do desprestixio dos “políticos”, vaise introducindo con certa naturalidade unha forma de facer política que non vai destinada máis que a favorecer, aínda máis, a concentración de poder económico e a política ao seu servizo, o autoritarismo, combatendo  o pluralismo ideolóxico, cultural, lingüístico e político existentes. Así moitos poderes fácticos –grande banca, eléctricas, capitalismo transnacionalizado e aliados, medios de comunicación ao seu servizo- apréstanse a  colaborar neste desprestixio da política, co recurso aos máis variados e impensábeis medios e maneiras, para poderen facer aínda con máis facilidade a súa. Aclarado isto, tamén temos que afirmar que moitos “políticos” e as organizacións ás que representan, as estatais hexemónicas por de pronto, non son máis que correas de transmisión deses poderes fácticos.

A antipolítica enúnciase,  ás veces, con descaro por quen, arrogándose a representatividade de movementos sociais “espontáneos”, non aspira máis que a facer a súa ou beneficiar, de forma indirecta, algunha das existentes.

A antipolítica enúnciase,  ás veces, con descaro por quen, arrogándose a representatividade de movementos sociais “espontáneos”, non aspira máis que a facer a súa ou beneficiar, de forma indirecta, algunha das existentes. Está moi en consonancia, paradoxalmente, co espallamento dun hipercriticismo superficial que, curiosamente, se caracteriza por descualificar toda a práctica política existente como se fose uniforme e unívoca.  Porén, nunca se pasa a presentar alternativas globais definidas. Sempre se mantén o discurso nas frases feitas , nas demagoxias de rigor en función do que a xente gusta de escoitar ( “chourizos”, “ladróns”…) ou na enumeración de propostas fragmentarias, sen o menor contraste crítico, que, casualmente, están na onda da ideoloxía dominante: recorte de gasto público, redución de subvencións a partidos e sindicatos, redución de cargos electos de representación democrática, listas abertas, eliminación das autonomías, marco electoral estatal… Velaí o balbordo verborreico que domina o espazo público nos medios de comunicación públicos e privados. A entronización dunha demagoxia sen consecuencias prácticas para a mudanza  a mellor, pero moi eficaz para implantaren o seu deseño antidemocrático. Os medios de comunicación dos poderes fácticos funcionan como catalizadores de opinión, de conformación de conciencia social. Tamén eles se apuntan, segundo os seus intereses e obxectivos políticos, que os teñen e moi claros, sen que os espectadores, ouvintes ou lectores, acaben de sabelo, ao rebumbio da descualificación da política e dos “políticos”. Remexen no lodo, participan activamente do xogo suxo.  Porén, nunca poñen en dúbida o sistema e só tanxencialmente e, de forma controlada, por se cómpre mudar algo para nada mudar, o réxime, nalgún caso. Porén, obsérvese que hai algúns elementos intocábeis, que falan das coincidencias entre os poderes fácticos e os seus medios de comunicación, as liñas vermellas que non cabe cruzar, por moito rifa que  entre eles houber. Ninguén crítica  o mercado único global da UE, nada fóra del é posíbel;  ningún aceita a existencia de distintos pobos ou nacións no Estado, o seu dereito de autodeterminación e a independencia, de así  o decidiren democraticamente; todos dan por un dogma incuestionábel que o capitalismo global é o mellor dos mundos posíbeis e todos se aliñan co deseño de dominio imperial atlantista. 

"O problema político da Galiza tense agravado, xustamente cando  a súa crise económica, social, cultural e lingüística é máis aguda". 

No caso da sociedade galega, o caos ideolóxico adobíase por unha tendencia a mirar máis para fóra que para dentro. Parece como se os males foren tan universais e globais que so puideren ser paliados ou reducidos se outros queren ou así o deciden. O noso sentimento de incapacidade non fixo máis que medrar, acompañado da  sensación de impotencia ou da deserción da responsabilidade propia. Deste xeito, o problema político da Galiza tense agravado, xustamente cando  a súa crise económica, social, cultural e lingüística é máis aguda. A indefensión da nación ten medrado, a súa significación política diminuído por o pobo carecer  de obxectivos políticos propios coa requirida dimensión social. Este é un factor moi negativo que afasta, aínda máis, Galiza verbo doutras nacións próximas sen Estado. Catalunya, errada ou acertadamente, ten unha análise e deseño propios nesta crise: exercer o seu dereito a decidir. Euskadi goza dun sistema de financiamento exclusivo, permítelle sortear mellor a situación, alén dun movemento de fondo,  en paralelo co proceso de pacificación, a prol tamén do dereito a decidir. 

A mestura de propensión á superficialidade, á aparencia, á demagoxia co sentimento de impotencia e deserción política da propia realidade, como corresponde a unha sociedade desvertebrada como a galega, sobre a que se exercen dominios moi poderosos e  eficientes, provoca desorientación  analítica, moitas veces.  Dáse,  sobre todo, un abismo entre capacidade e dinamismo axitativo e resultados políticos, cando os problemas se detectan. Por exemplo, a situación crítica do sector naval privado  culmina politicamente na declaración de Almunia como persoa non grata polo Concello de Vigo, no canto dunha condena das decisións que toma a Comisión Europea, destinadas a aplicar unha nova reestruturación do sector naval español,  máis incisiva como sempre na Galiza.  Como convén ao PP, para maior confusión, parece que o tax lease afecta aos estaleiros públicos de Ferrol, que non constrúen nin un barco civil. Óbviase, para a súa defensa acrítica, o feito de o tax lease ser unha chapuza para favorecer as grandes fortunas nas súas declaracións a Facenda,  no canto de centrarse en esixir regras de xogo iguais para todos e non discriminatorias no seo da UE e ao goberno español unha verdadeira política industrial  para competir en igualdade de condicións. O que foi unha simple participación nun concurso internacional para a construción de barcos para Pemex convérteno en contratos cerrados. Empresas xornalísticas que controlan a opinión pública en Galiza, apúntanse á antipolítica, acusando os “políticos” de seren responsábeis do desastre das Caixas, cando elas foron, de forma caciquil,  das máis beneficiadas precisamente pola  falta de control polas institucións democráticas de teórico autogoberno, Xunta e Parlamento. Desde logo, ningunha das Caixas Galegas prestou diñeiro ao BNG sen pagar os debidos xuros, en condicións de mercado, cos debidos avais e  nunca houbo condonación de débedas. Desde logo, non formamos parte dos seus órganos de goberno nin directamente nin por persoas interpostas. Desde logo, a posición nacionalista foi contundente defendendo a necesidade de entidades de crédito galegas, dificultando a súa absorción desde fóra, perfectamente deseñada polo Banco de España e polo bipartidismo, coa conivencia da burguesía intermediaria galega. Non houbo, no noso caso, distorsión entre aparencia e realidade nin a interesada fuxida de isto non vai con nós para agochar demagoxicamente o servilismo cos directivos  das Caixas ou, peor, a dependencia de estratexias españolas, moi preocupadas en exclusiva polo futuro de Bankia.  Esquerda española houbo,  que si participara directamente na xestión da Caixa madrileña, que chegou a repartir panfletos nas nosas rúas pedindo unha Bankia pública, mentres o seu silencio sobre o futuro da Caixa Galega ou a necesidade dunha Banca Pública na Galiza era clamoroso… 

Esquerda española houbo,  que si participara directamente na xestión da Caixa madrileña, que chegou a repartir panfletos nas nosas rúas pedindo unha Bankia pública, mentres o seu silencio sobre o futuro da Caixa Galega ou a necesidade dunha Banca Pública na Galiza era clamoroso… 

Pasma o atrevemento con que algunha empresa  periodística editorializa, con ínfulas de superioridade moral como se estiver á marxe do réxime e a súa corrupción, cando representa todo o máis negativo que o sustenta na Galiza: o desprezo polo galego, o odio ao nacionalismo; o recurso ao sentimento galego mentres na práctica se combate a capacidade do país para vivir por si mesmo; o triunfalismo máis infantil co negativismo político máis reaccionario e suicida, cun mal disimulado apoio ao bipartidismo estatal, escorado sempre ao polo máis reaccionario. Nunha palabra, a aposta pola centralización, a españolización –incluídas as corridas de touros-, o autoritarismo. Semella  o cacarexar dun vicerrei local, urxido a exteriorizar a súa histeria prepotente para intimidar como galo matón as galiñas do curral, e compensar así a súa mansedume e covardía coas aves de rapina foráneas. Esta burguesía intermediaria é fiel ao lema máis globalización, menos Galiza, malia invocar en van o seu nome. As secuelas que padecemos, máis paro, máis emigración, máis envellecemento da poboación, máis desmantelamento dos sectores produtivos, serven na súa información para un laio que nos conduza á impotencia política, ou peor, ao caos ideolóxico que dane o máis posíbel a construción dunha conciencia de país e que debilite a alternativa política real a tanto desastre: a da autorresponsabilidade, o crédito nas propias capacidades, a capacidade de decidir por nós sobre nós.

Agora poderemos comprender  por que, na Galiza, non hai un debate público sobre o sistema de financiamento do que chaman Comunidade Autónoma. Mentres en Catalunya é o centro de atención e denuncia que aboca, a cada paso, máis xente ao independentismo. A insuficiencia para financiar mesmo os servizos básicos –sanidade, educación, dependencia-, derivada dun sistema de financiamento deseñado polo Estado,  obriga a uns recortes que unha Catalunya soberana ou que tiver capacidade de recadar todos os tributos no seu territorio non padecería en tal grao.  O pobo catalán é consciente, nunha versión simple, de que España lles rouba. A solución está clara. Aquí, non: é que somos máis ricos que Catalunya ou o sistema de financiamento dos servizos básicos de Galiza, que debe atender a Xunta, é diferente ao catalán? Non, é o mesmo, e con resultados a cada paso máis negativos, que obrigan a restricións orzamentarias brutais. Máis de 3000 millóns de euros, nos dous últimos anos. Aquí todo é estupendo. E seguimos crendo no dogma do colonizador: podemos vivir, ter sanidade, ensino e protección social grazas á solidariedade de España. Non temos capacidade por nós mesmos para nos financiar. Non hai forma de que ningunha institución académica oficial forneza os dados de canto ingresa , contando todos os impostos na súa totalidade, a Axencia Tributaria na Galiza. Nós sabemos que exceden, en moito, os orzamentos anuais da Xunta de Galiza, malia a situación crítica que vivimos. O noso problema de financiamento  é tanto ou máis grave que o catalán, pero a nosa conciencia e lóxica reacción, por falta de información, debate e crédito na nosa propia capacidade, non existe. Así un país non ten futuro.

"O noso problema de financiamento  é tanto ou máis grave que o catalán, pero a nosa conciencia e lóxica reacción, por falta de información, debate e crédito na nosa propia capacidade, non existe. Así un país non ten futuro".

Se aos de Madrid, Castela-León, Castela-A Mancha, Andalucía… créanlle caos ideolóxico incitándoos a acreditaren que a culpa de todo é do nacionalismo, e máis en concreto dos cataláns, para seren aínda máis entusiastas dun españolismo intolerante, excluínte e dominante, aquí, alén desa proxección sucursalista, faise énfase en que non valemos, non podemos e o noso futuro ten que ser o que definan no conxunto da España. Todo deseño españolizador, á dereita ou á esquerda, benvido será. O peso da información en dirección tan inequívoca como sinistra só está contrarrestado polo peso das contradicións que vivimos. Son de tal envergadura que, para asumilas como normais e lóxicas, hai que pasmar vivindo  con resignación unha españolidade que nos conduce ao suicidio como pobo. Afortunadamente o nacionalismo existe porque non aceita resignadamente este deseño. Xa Rosalía nos ten advertido, nun magnífico e misterioso poema de Follas novas: “Mais sucede nesta vida/ que os que teñen culpa non a levan…!”. O pasmo e o hipercriticismo superficial deben mudar nunha conciencia ideolóxica e nunha práctica política que axuden a desterrar a frustración destrutiva, a desorientación e o caos ideolóxico, tanto desprezo, ignorancia e punición contra nós mesmos. Temos que afondar no coñecemento da nosa propia realidade no contexto xeral do mundo, asumirmos a nosa responsabilidade colectiva desde a consideración da nosa capacidade verbo de nós mesmos como pobo. Hai que desvendar cais son os poderes fácticos que aferrollan Galiza e os seus aliados internos, quen son os seus voceiros e que relacións de dominio temos que tronzar e vencer. De o facermos así, aparecerá con nitidez, a necesaria capacidade de decidir, o necesario exercicio da soberanía, mesmo para vivirmos nunha interdependencia construtiva. Así veremos que esta unidade de España non nos vale, e menos que a ninguén aos galegos e galegas. Así asumiremos que vivir na nube do europeísmo ideal non compensa do duro, opresivo e xerárquico  europeísmo real. Pensemos por nós mesmos no contexto global e tomemos moi a serio estarmos organizados e con obxectivos políticos claros e definidos a nivel nacional galego. Por nós, desde nós e para nós. A necesidade de o nacionalismo político e social avanzar para termos futuro.

Francisco Rodríguez

Comentarios