Opinión

Exipto

Moitas persoas pensan que certas enfermidades son un produto da vida moderna, e que a saúde era mellor no pasado. O cancro, as enfermidades cardiovasculares ou a diabetes son sinaladas moitas veces como doenzas "modernas". Aínda que é certo que existen factores nas sociedades postindustriais que favorecen a súa aparición, sobre todo a mala alimentación, o tabaquismo e a falta de exercicio físico, todos estes problemas xa afectaban á nosa especie e a todos os animais vertebrados ao longo da evolución.

Os tratados exipcios de medicina identificaban correctamente o cancro de mama, aínda que non puidesen facer nada para poñerlle remedio, e agora un investigador galego atopou indicios de cirurxía de extirpación de tumores (tumorectomía) en dous cranios desta cultura. O seu traballo foi publicado na revista científica Frontiers in Medicine e da súa achega fíxose eco a xornalista Laura Filloy en GCiencia.

A civilización exipcia prolongouse durante miles de anos, e ambas pezas arqueolóxicas están separadas por case dous milenios, polo que temos evidencia desta enfermidade e de intentos de controlala durante un longuísimo período de tempo. O que estaba ao seu alcance era a extirpación dos tumores visibles, técnica que tamén forma parte do tratamento na actualidade, pero non coñecían aínda o concepto de célula nin moito menos o de metástase, polo que aí remataba a súa abordaxe terapéutica.

Nunha sociedade cunha esperanza de vida limitadísima, unha mortalidade infantil próxima a 50% e aqueixada de múltiples doenzas incurables, o antigo Exipto desenvolveu unha medicina moi adiantada para a época. Un dos poucos seres humanos que foron adorados como se se tratase de deuses fóra da realeza foino precisamente polos seus coñecementos neste eido, Imhotep. Este home foi pioneiro en moitos campos do coñecemento na súa época, o terceiro milenio antes da nosa era, incluída a arquitectura (construíu unha das primeiras pirámides), as matemáticas e a astronomía. Porén, foi deificado como deus da medicina, semellante ao grego Esculapio. Así de importante lles pareceu a súa habilidade curativa, que primou sobre todas as outras.

Podedes ler aquí os artigos de Frontiers of Medicine e de GCiencia.

Comentarios