Opinión

Poboación

Hoxe é a data escollida pola ONU como Día Mundial da Poboación, que serve para concienciar e divulgar as diferentes cuestións que enfrontamos os seres humanos neste eido. Se ben no ano 1990, cando foi instituído, a superpoboación aparecía como o maior problema que ameazaba o futuro da nosa especie, ao longo das décadas estamos vendo que a situación é máis matizada e complexa.

O crecemento poboacional, aínda que continúa, freou de xeito importante a súa evolución, a expensas sobre todo das cifras de natalidade. Dende os anos 50, a diminución drástica da mortalidade infantil grazas ás vacinas, os antibióticos, a hixiene e a intervención nos partos foi a responsable dun aumento inédito do número de persoas sobre o planeta. Case todas as especies animais teñen unhas cifras de mortalidade infantil próximas a 50% e os humanos mantivemos esta estatística case ata mediados do século XX. Que case todas as crianza nacidas sobrevivan é un feito nunca antes visto na historia. Porén, as consecuencias non foron as agardadas, porque pouco despois comezou a acontecer unha redución drástica das taxas de natalidade, sobre todo nos países desenvolvidos. O acceso a anticonceptivos e os dereitos reprodutivos das mulleres fixeron diminuír cada vez máis o número de fillos.

A situación actual é a dun importante desequilibrio a nivel planetario, con lugares nos que se manteñen altas taxas de natalidade e problemas de superpoboación xunto con outros nos que a natalidade está baixo mínimos, sendo menor incluso dos desexos reprodutivos expresados polas mulleres. Diversas causas socioeconómicas contribúen ao baixo número de nacementos, como a precariedade laboral, o encarecemento da vivenda ou a falta de implicación dos homes nos traballos de coidados.

Este ano a ONU decidiu dedicar a data á saúde e os dereitos reprodutivos das mulleres, recoñecendo así a importancia que teñen estes factores na estabilidade poboacional. Canto máis igualitarias, xustas e libres sexan as sociedades, menores serán as desigualdades poboacionais que encaremos no futuro. Se as mulleres teñen garantidos os seus dereitos reprodutivos e se dan as condicións que fagan posible as súas perspectivas xestacionais, a poboación regúlase de xeito eficaz e sen necesidade de políticas coercitivas sobre os corpos e as vidas das cidadás.

Comentarios