Opinión

Suicidios evitables

Hai poucos días dúas mulleres morrían por suicidio o día previo a ser desafiuzadas da súa vivenda. En marzo, outro home de 70 anos facía o mesmo aos poucos minutos de perder a súa vivenda. O mes anterior, unha anciá de máis de 80 anos era expulsada do seu fogar e tiña que ir vivir a unha residencia.

Cando unha persoa decide quitarse a vida, o que a impulsa non é o desexo de morrer, senón o de non seguir padecendo un sufrimento que considera insoportable. En moitos casos este sufrimento pode vir condicionado por un padecemento psíquico, pero non en todos. Noutros, como nestes que nos ocupan, unha circunstancia da que non vemos saída pode condicionar esta decisión.

O suicidio debería ser, pola súa elevada prevalencia, unha preocupación social de primeira orde. Por desgraza, sempre que se fala del faise en termos individualistas. A idea de fornecer de máis medios e máis profesionais pode ser correcta, pero parte da idea de que o problema é unha falta de estratexias de afrontamento ou un desequilibrio químico que pode ser abordado medicamente. E cando non é así? Medicalizar as circunstancias de vida non é máis que poñer no individuo a responsabilidade de non poder afrontar situacións que non está na súa man resolver, porque son da orde do social e non do individual. Non atopar vivenda polos elevadísimos prezos e as condicións abusivas non se soluciona con psicoterapia. A soidade e a falta de apoio familiar non se elimina con psicofármacos. A ansiedade e a tristura poden ser síntomas depresivos, pero tamén poden ser a reacción normal de calquera persoa ante circunstancias vitais adversas que non podemos modificar, e hai situacións que non son modificables de xeito individual.

Que cada vez se fale máis de saúde mental axúdanos a romper os tabús e a diminuír o estigma das persoas que padecen doenzas psíquicas, pero depende de como se enfoque tamén pode constituír unha trampa, unha cortina de fume que oculte as verdadeiras causas do malestar, que en moitas ocasións son de tipo social. Non podemos patoloxizar non tolerar situacións que son intolerables. Non podemos culpar da súa situación a persoas desesperadas porque non teñen suficiente resiliencia. Todas temos un límite, e é normal e saudable telos. Todas podemos imaxinar situacións nas que non quereríamos continuar coa nosa vida.

Comentarios