Opinión

Turismo

Nunca falei nesta columna do turismo porque é un tema que non toca aparentemente cuestións relacionadas coa saúde. Porén, estes últimos días varias persoas da miña contorna próxima viviron situacións desagradables en relación á chegada masiva de visitantes a Compostela e, se cadra, merece certas reflexións. A primeira que me ven á mente é coma sempre unha cuestión estatística. Cantas máis persoas se xuntan nun mesmo espazo, máis doado é que se dean altercados ou roces de calquera tipo, tanto por pura probabilidade como porque os seres humanos toleramos mal as aglomeracións: tenden a volvernos irritables, conflitivos e suspicaces. De feito, unha das queixas frecuentes de todas nós cando facemos turismo é precisamente a excesiva masificación. Sempre nos parece que sobra xente e casualmente nunca somos nós.

O que hai uns anos era un problema de certas datas ou certos destinos concretos agora estase a converter no panorama xeral. Incluso hai quen considera que os lugares non excesivamente masificados deberan estalo máis, como se o obxectivo de calquera localidade tivese que ser o turismo de masas, a pesar do claro detrimento da calidade de vida dos seus habitantes que xera. Xusto ao chegar de visitar Lugo durante o Arde Lucus, que me pareceu marabillosa pero xa excesivamente tumultuosa para o meu gusto, unha intelectual de certa sona laiábase porque parece ser que non había suficiente afluencia de visitantes estranxeiros.

Outra derivada do anterior é a actitude de certas persoas que consideran que o turismo é un ben de consumo máis e, polo tanto, non só poden mercar estadías en hoteis ou pasaxes en medios de transporte, senón que todo arredor da súa viaxe debe estar posto ao servizo da experiencia como turista. Nas situacións que mencionaba ao principio un factor común era a percepción do turista de posuír "dereitos" a ser tratado de determinada maneira ou a acceder a determinados lugares independentemente do perturbador que isto puidese ser para as persoas que viven e traballan alí. A cidade como un parque temático ou unha feira de atraccións posta ao servizo do consumo de experiencias. Paréceme a última derivada da lóxica capitalista consumir lugares e cidades e, sobre todo, crerse co dereito que dá adquirir un determinado produto. O mercado aplicado aos espazos e aos ritmos da vida diaria.

Comentarios