Opinión

Nos nosos corpos mandamos nós!

De darmos un paseo polo desenvolvemento do ser humano, a interrupción voluntaria do embarazo —de aquí en diante IVE— estivo sempre presente en todas as etapas. Regulouse segundo as prácticas sociais, culturais, relixiosas e económicas dos pobos. En Grecia e na Roma antigas o aborto estaba permitido e socialmente aceptado.

De darmos un paseo polo desenvolvemento do ser humano, a interrupción voluntaria do embarazo —de aquí en diante IVE— estivo sempre presente en todas as etapas. Regulouse segundo as prácticas sociais, culturais, relixiosas e económicas dos pobos. En Grecia e na Roma antigas o aborto estaba permitido e socialmente aceptado. Máis adiante en Roma castigábase cando a muller se atopaba con vínculo matrimonial, xa que se consideraba unha ofensa ao home. Porén, se ela era solteira, carecía de sanción. O feto era considerado como portio viscerum matris, isto é, que a muller que aborta dispón do seu propio corpo. O mesmísimo Aristóteles, misóxeno recoñecido e en cuxos escritos alude á "inferiodade" do sexo feminino, recuou na súa postura contraria ao aborto polo alto índice de crecemento da poboación, e apoiou que se practicase antes da animación do feto, animación que el calculaba en 40 días no caso de varón e 90 no caso de femia.

O emperador Augusto, pola súa banda, estimou que o aborto traía como consecuencia unha afectación substancial ao crecemento da poboación. Mais, ao consideraren que o feto era parte da nai, non podía impór un castigo porque se estaba a actuar na esfera privada.

Con todo, a influencia do cristianismo muda o panorama notabelmente, e a IVE trátase como un crime. Xa na Idade moderna e contemporánea, na Igrexa católica consolídase unha posición uniforme sobre a IVE, posición que se mantén aínda hoxe: todo aborto é maligno e a súa práctica é repudiada. Até mediados do XIX, a situación mundial era bastante homoxénea: a práctica totalidade das leis contemplaron a IVE como se dun delito se tratase. No século XX emerxen movementos para defenderen o dereito das mulleres a pórlle fin ao embarazo. Na Unión Soviética permítese a IVE en 1920; nos países escandinavos, na década dos '30. No Estado español, sendo ministra Federica Montseni, o aborto inducido despenalizouse na Segunda república.

Desde aquela, o aborto regúlase por varios sistemas. Un de prazos, onde o avance do embarazo determina a legalidade da súa interrupción, partindo da base de que a crianza concebida e non nacida non merece protección legal máis que a partir de determinado tempo de vida intrauterina. Outro de indicacións, que era o que recollía a Lei do aborto do ano 1985. Neste sistema considérase que a crianza merece protección legal desde o inicio da vida, mais estabelécense as circunstancias nas cales abortar deliberadamente non debe ser castigado. Este sistema adoita ser mixto, isto é, que a cada indicación lle corresponde un prazo de embarazo durante o cal o aborto non é puníbel. E por último está o sistema común de penalización, anterior á Lei de 1985 e previsibelmente a tese a instaurar polo ministro de Xustiza español, Alberto Ruíz Gallardón. Conforme a esta, o produto da concepción é un valor real que o dereito penal debe protexer.

Con todo, a regulación actual non foi a auspiciada polos movementos feministas, pois presenta un gran problema: a obxección de conciencia que non recoñece a Constitución española. Porén, ese non é un problema do persoal sanitario, é un problema do Estado, ao que non se lle deu solución no seu día cando se aprobou a Lei actual do que pouco podemos agardar que faga Gallardón. Ao final non hai máis que unha cuestión ideolóxica: queren seguir decidindo por nós; queren pór atrancos para controlaren as nosas vidas.

Comentarios