Opinión

A ledicia de ler

Falando na rúa co escritor Manuel Veiga lembramos "A ledicia de ler", a sección que Carlos Casares mantivo en La Voz de Galicia entre 1975 e 1992, antes que iniciase "Á marxe", aqueloutra columna máis breve na que durante unha década expresou todos os días no xornal coruñés o que Dolores Vilavedra acuñou como "a súa expresión narrativa da vida". O inesquecible Marcos Valcárcel suxeriu que "A ledicia de ler", epígrafe afortunado sobre a lectura, constituíu un espazo semanal para falar de libros e cultura galega co que Casares pretendía emular probablemente aquela sección de Robert Escarpit en Le Monde, "Au jour le jour", ao que a profesora Vilavedra engadiría o coñecemento que o entón profesor de instituto debía ter de El deseo de leer (Península 1974), o informe no que o propio Escarpit  e Robert Baker abordaban temas arredor do libro, a lectura e os dereitos de autoría. Daquel exercicio hedonista de paixón pola lectura do limiao, un legado de catrocentos artigos, quedamos co seu afán de compartir as lecturas literarias que lle agradaban e facelo sen a intencionalidade analítica da crítica académica, fosen tanto clásicas como das novidades da incipiente industria editorial galega. Como quedamos coa súa actitude empática de celebrar a lectura como un acto de pracer que quere compartir, adiantándose ao decálogo de dereitos do lectorado de Daniel Pennac en Como unha novela (Xerais 1993). 

Casares anticipaba tamén na sección a ollada xenerosa dunha lectura compartida, como a dalgunhas comentaristas da narrativa galega nas redes (bookstagramers e creadoras de contido) ou nos espazos de crítica nos xornais, que contribúen todas cos seus textos a dar a coñecer e a orientar aos públicos, o que non debería impedirlles, como adoitaba Casares, facer comentarios ben agudos e valoracións historiográficas documentadas sen perder nunca as boas formas da escrita. Contaxiar o gozo da lectura, a casariana ledicia de ler, continúa sendo imprescindible para a saúde da edición galega. 

Comentarios