Opinión

Milei e a batalla do relato

Desde o mes de decembro de 2023 que asumiu Milei a presidencia do goberno na Arxentina, cun apoio do 55,69% do electorado, aínda que con minoría no Congreso e sen presenza noutras institucións (provincias, municipios), a súa acción política destacou por unha teimuda escenificación dos tópicos "libertarios" coa pretensión de gañar o debate, o relato. E, ao mesmo tempo, activar medidas de axuste contra a clase traballadora e pensionistas, redución das prestacións públicas a sectores empobrecidos e marxinados, e a represión sistemática da mobilización social que contestaba eses duros pasos atrás nas condicións de vida, traballo e dereitos democráticos básicos. Dicía nalgún artigo anterior que non se trata dunha situación singular, aínda que a esta altura o sexa, como o foi no seu día a de Pinochet en Chile en relación as políticas de axuste neoliberal, senón que é parte dun proxecto que pretende impoñer a nivel planetario un modelo económico e social definitivamente favorábel ao capital, resolvendo así "definitivamente" en beneficio da gran burguesía a crise do sistema.

Daquela a importancia que lle dá Milei a consolidar un relato baseado seica na "meritocracia", ignorando os distintos puntos de partida e polo tanto os límites persoais e atrancos e privilexios dese modelo. Ou sexa: obviando o papel integrador, protector, solidario e igualitario, e polo tanto superador que pode e debe cumprir o Estado (cando é democrático e popular). O forte apoio que mantén da patronal arxentina, mesmo en sectores atinxidos pola caída do consumo, é porque coidan que as expectativas dun cambio no sistema favorece seus intereses estratéxicos, con relacións laborais precarias, medre da rendibilidade empresarial, e redución de impostos. Trátase de desmantelar o Estado, de reducilo a un papel garantista dos propietarios, fortalecendo na práctica a lei do máis forte, ou sexa: a lei da selva. Pódese pensar que este obxectivo dos "libertarios" é imposíbel, máxime en sociedades tan complexas como as actuais, especialmente na actividade económica. Agora ben, nas relacións humanas foi gañando peso a rede de internet e a televisión, a saída persoal, e foron perdendo peso as asociacións e a familia. Polo tanto foise debilitando o valor da ter en consideración a solución comunitaria (socializada), como algo natural, desde a máis tenra idade e desde os ámbitos máis próximos, para analizar e superar os problemas colectivos e persoais.

O paso máis atrevido de Milei, como ataque a dereitos básicos, está: na eliminación de axudas contra a indixencia, a redución de recursos para as universidades públicas, a privatización de empresas, a presentación dunha reforma laboral que resta dereitos aos/as asalariados... Sobre este retroceso planificado de dereitos é clarificadora a análise que realiza Atilio Boron: "O asalto ás pensións perpetrado polo réxime de Milei non ten precedentes neste país, malia que o mitómano da Casa Rosada di que superan a hemorraxia inflacionaria. A verdade é que nin sequera chegan a cubrir unha parte da canastra básica dos xubilados/as. O mesmo ocorre cos ingresos dos traballadores, tanto os rexistrados como aqueles en precario, porque na Arxentina da distopía anarcocapitalista ter traballo non garante estar por encima da liña de pobreza".

Ademais, as políticas do "réxime" levaron á destrución xeneralizada das pemes e o derrube do consumo: un millón de nenos segundo a UNICEF van durmir cada noite sen comer; un 55% da poboación está sumida na pobreza -que podería chegar a un 75% se se suman a quen está apenas uns poucos pesos por encima da liña de pobreza e ademais hai un 20,3% de xente na indixencia. Outro gran logro desta criminal dereita lamebotas do imperialismo é descender ao menor consumo de carne per cápita nun século: 44.8 kg/persoa e o mesmo pódese dicir dos lácteos.

Na realidade arxentina non se pode obviar que o asalto ás pensións contou coa colaboración dunha parte do Partido Radical. Malia que este diga que tomará medidas contra os que votaron a prol do veto presidencial, xa que se trata dunha reforma proposta por ese mesmo partido e apoiado polo peronismo e máis o FIT que garantía un aumento de mínimos aos xubilados/as.

Mais no esencial, polo seu peso político, resulta preocupante que o peronismo estea pregado a unha tarefa política exclusivamente vinculada ás institucións, ao que se suma a súa fragmentación interna. Daquela que ademais de centrar a súa actividade no Parlamento e na boa xestión dalgunha provincia, como a de Bos Aires, e en numerosos municipios, manteña unha actividade defensiva, pola carencia neste intre dun proxecto alternativo que ademais de criticar supere as eivas do pasado, e fortaleza a estrutura militante para tomar a iniciativa da mobilización. Isto é fundamental, porque para alén destas traizóns ao pobo dalgúns partidos e deputados/as, que se venden, non se pode obviar que Milei ten a iniciativa, o que lle permite manter a referencialidade nun importante sector da poboación, malia a oposición social a moitas das medidas que propón. Segundo as enquisas ten unha imaxe positiva para un 46% e negativa para un 54%, ao que se suma que un 50% da poboación non olla un dirixente alternativo, o que cuestiona a folla de ruta da oposición, esencialmente do peronismo.

En resumo, as eivas da esquerda son unha parte importante dos atrancos que debe vencer para derrotar a esta alternativa antipopular, de ditadura do capital por medios electorais. Neste aspecto coido que son de interese as reflexións que hai décadas realiza a socióloga Isabel Rauber sobre os obxectivos e a forza política necesaria para logralo: "A procura, creación e construción dunha nova civilización, superando a que se rexe polos intereses do capital, implica crear, construír e soster outro modo de produción e reprodución da vida social, outro modo de vivir e convivir. A educación política, a batalla ideolóxica é central. E está ligado á participación política, ao empoderamento. Isto xermina coa participación consciente e dirixente dos suxeitos nos procesos socio-transformadores". Paga a pena ler seus escritos, así como os de García Linera e Samir Amin, só por poñer tres referencias con reflexións feitas no marco da dependencia.