Opinión

Reducirase o desemprego como afirman Rajoy e Feijóo?

O Partido Popular, ademais de nos esmagar coas súas políticas centralistas, negadoras dos dereitos reprodutivos da muller, e regresivas no aspecto fiscal, laboral e das prestacións sociais, seica está a punto de realizar nestes próximos dous anos unha milagre no relativo ao desemprego.

O Partido Popular, ademais de nos esmagar coas súas políticas centralistas, negadoras dos dereitos reprodutivos da muller, e regresivas no aspecto fiscal, laboral e das prestacións sociais, seica está a punto de realizar nestes próximos dous anos unha milagre no relativo ao desemprego. Rajoy  afirma que só cun medre do PIB do 1-1,5% ao ano conseguirase rebaixar o paro en 900.000 persoas. Chama a atención que esta previsión nen sequera teña en consideración como pode incidir negativamente a morosidade da banca, o desequilibrio fiscal, a confrontación das potencias atlantistas con Rusia, o referendo de autodeterminación de Cataluña, e o menor crecemento das potencias emerxentes polo cambio de criterios da Reserva Federal estadounidense. En realidade, para alén de que se fagan cálculos para un escenario extremadamente optimista, as porcentaxes de desemprego que se barallan son en boa medida unha brincadeira estatística. As cifras ignoran que a redución do número de parados/as non ten porque ser sinónimo de xeración de emprego en igual contía. 

"2/3 dos parados/as que se contabilizarían a menos a finais de 2015 serían por mor do abandono, diante da imposibilidade de atopar traballo"

Diante de tanto atrevemento, carente de base, a propia patronal rebaixa a creación de emprego nos anos 2013 e 2014 a 320.000 persoas, ou sexa: só 1/3 da previsión que ten o Goberno de Rajoy sobre a redución do desemprego para este período. A enorme diferenza entre ambas as cifras dáse como consecuencia doutros conceitos que non se teñen en consideración e non son ren positivos, como: a emigración, a saída de inmigrantes, unha situación demográfica que non permite repoñer as baixas por xubilación, accidentes que incapacitan para traballar, e o desalento dunha parte dos parados/as que fican á marxe dos mecanismos oficiais de rexistro. É dicir, que 2/3 dos parados/as que se contabilizarían a menos a finais de 2015 serían por mor do abandono, diante da imposibilidade de atopar traballo, como consecuencia da falta de solucións do Goberno central e da Xunta de Galiza que poñan remedio á desfeita do mercado laboral.

Aínda así, dirase que a creación de máis de 300.000 empregos no Estado español ten a súa importancia, aínda que resulte evidente que se adiaría máis dunha década en dar solución a esta lacra. Asemade, dar como válida esta saída significa aceptar un marco laboral degradado por décadas. Porén, tampouco é certo que se vaia xerar emprego neto. Primeiro, porque na realidade hai máis persoas ocupadas polo aumento do emprego a tempo parcial; concretamente a porcentaxe medrou do 10% ao 15% nos últimos anos. Isto significa un crecemento estatístico (non real) da ocupación en dous ou tres puntos. Segundo, no mes de febreiro pasado, nada menos que 2/3 do aumento da ocupación foi motivado pola incorporación de autónomos ao mercado laboral. Que fose deste xeito racha con toda lóxica e só é entendíbel pola substitución de emprego asalariado por falsos autónomos, para poder así a patronal regular a xornada ao seu antollo, evitar o pago de indemnizacións por despedimento e as cotas sociais. Que fan diante desta fraude o Goberno central e a Xunta de Galiza? 

"As centrais sindicais e os partidos de esquerda deberan pensar neste escenario e, sen abandonar a loita contra o desemprego, darlle igual ou máis importancia ás condicións laborais daqueles que teñen un posto de traballo". 

En poucas palabras, estanse redistribuíndo o traballo e a renda salarial que reciben os estratos con menores ingresos. Resulta evidente que en beneficio do aumento das rendas do capital (que son superiores ás dos asalariados e asalariadas, malia que estes último colectivo representa o 80% da poboación ocupada). Xa no seu día, o Goberno de Felipe González fixo algo semellante cando introduciu os contratos temporais. Esta é unha nova volta de porca, máis agresiva, tanto por desregularizar as relacións laborais como por como afecta ás condicións de traballo. Deste xeito rebáixase artificiosamente o desemprego e conséguese ao mesmo tempo manter a presión sobre as condicións laborais: menores salarios, máis horas extras non pagadas, maior rotación nos contratos, un aumento dos acordos individuais mediante o recurso aos falsos autónomos, e rebaixa das indemnizacións por despedimento improcedente. O Goberno da dereita traballa a eito para a patronal deseñando o mercado laboral do futuro, que inclúe ademais menores cotas á Seguridade Social (a chamada tarifa plana) e pensións máis baixas. As centrais sindicais e os partidos de esquerda deberan pensar neste escenario e, sen abandonar a loita contra o desemprego, darlle igual ou máis importancia ás condicións laborais daqueles que teñen un posto de traballo. 

Encol do anterior aspecto unha reflexión necesaria, máxime cando a creación do emprego confíase case en exclusiva ao sector privado da economía (co que isto ten de cesión na loita de clases). Non se debe esquecer que no contexto actual unha parte importante dos desempregados/as son persoas que traballan durante parte do ano con contratos a tempo parcial e/ou temporal (teñen conciencia de desempregados/das ou ocupados/as temporais?). Esta tendencia vai a máis, polo que se pode rebaixar moito o desemprego e, ao mesmo tempo, impoñer unhas condicións laborais indignas para a gran maioría dos asalariados/as, a diferenza de como se resolveron outras crises anteriores. Non é polo tanto real, nesta etapa do capitalismo, a hipótese de que rematada a crise, recuperado o emprego (ou boa parte del), tamén se reproducirá por arte de maxia o chamado Estado de benestar. Sen un cambio na correlación de forzas, un retorno ás condicións laborais e sociais existentes durante o período anterior á crise é imposíbel, porque esta crise foi esencialmente un axuste estratéxico contra as clases populares e os territorios máis débiles e dependentes. Polo tanto penso máis convinte e correcto poñer o acento na esixencia de prestacións económicas para todos e todas os desempregados, ou que o Goberno xere emprego mediante as empresas públicas, e garantir sempre unhas condicións laborais dignas.

"As eivas e atrancos que levaron á crise non foron solucionados, só se lle procurou unha saída satisfactoria para as grandes corporacións e fortunas, a costa de impoñer un réxime represivo e depredador".

No caso concreto da nosa nación, Galiza, con toda seguridade os datos de redución do desemprego seguirán a mesma tendencia que os do Estado español, porque, aínda sendo a nosa situación económica moito máis adversa, compensarase cunha maior taxa de emigración e un saldo demográfico negativo. Agora ben, estas debilidades estruturais terán reflexo nunha porcentaxe de xeración de emprego menor que a media do Estado. Uns resultados máis negativos son consecuencia de que a Xunta de Galiza, controlada polo Partido Popular, carece de políticas propias e axe como furgón de cola das decisións tomadas en Madrid e Bruxelas. Acéptanse e aplícanse políticas que son funcionais á centralización e concentración da riqueza e do poder, agravando o noso carácter periférico, e polo tanto a colonización e carencia de soberanía.

En resumo, nas previsións de rebaixa do desemprego que fai o Goberno de Rajoy hai moito de artificio estatístico, de brincadeira (para condicionar as vindeiras eleccións?). As eivas e atrancos que levaron á crise non foron solucionados, só se lle procurou unha saída satisfactoria para as grandes corporacións e fortunas, a costa de impoñer un réxime represivo e depredador. Para alén dos conflitos con Rusia e a cuestión de Cataluña, o certo é que todos os estados (encetando polos que forman a zona euro) están a competir acentuando a deflación social, un exemplo son as medidas que neste senso acaba de tomar Hollande en Francia (un dos países máis fortes na UE). Daquela, cada medida regresiva que toma un estado para manter a competitividade (en realidade para aumentar os beneficios dos máis poderosos) será conxuntural, porque debe confrontar axiña con outra semellante por parte doutro país competidor, nunha espiral regresiva sen fin. Unha tendencia regresiva que se alenta acotío pola ampliación da UE, os acordos de libre comercio, a deslocalización das empresas, a financiarización da economía...  

http://manuelmera.blogaliza.org/