Opinión

Retorno polémico de Castelao

Hai agora catro décadas que os restos de Castelao voltaban á Galiza. Unha data que debeu ser de recoñecemento e festexo a prol da figura máis egrexia do galeguismo converteuse nunha xornada de tensións, de desacougo. Foi así porque o retorno fíxose sen respectar a postura daqueles/as que eran seguidores do legado político de Castelao.

A data escollida non era casual, o 28 de xuño, coincidía coa aprobación en 1936 da Autonomía galega. Tanto no aeroporto como no mosteiro de Bonaval estaban algúns persoeiros do galeguismo histórico, como Martínez López, Paz Andrade, Xaquín Lorenzo, Pousa Antelo, Antonio Fraguas,... xunto ás autoridades políticas do momento, que non comungaban precisamente co ideario de tan sobranceira figura do nacionalismo, e que o gababan exclusivamente como un gran debuxante. Mesmo algún xornal referíase a el como o "poeta de Rianxo". Intentando agochar que foi unha personalidade chave da Irmandade da Fala, Partido Galeguista e no proceso que levou á aprobación do Estatuto de Autonomía, deputado nas Cortes da Segunda República, que presidiu o Consello de Galiza, un xeito de goberno galego no exilio, deu impulso á creación da Irmandade Galega etc.

Había moitas as contradicións no traslado dos restos, era unha suma de encaixes forzados, que deron lugar durante os actos mesmo a conflitos protocolarios, entre os vellos galeguistas e forzas de esquerda que apoiaron o retorno, como o PCG, coas autoridades da Xunta de Galiza, presidida por Fernández Albor. Mais a confrontación máis forte deuse cos varios milleiros de persoas que ocupaban as rúas anexas ao mosteiro, convocadas por aqueles que se opuñan ao regreso dos restos nun Estado das Autonomías que negaba o dereito de autodeterminación. Alí nas rúas de Compostela estaban BNG e UPG, aos que se sumaron o MCG, a CNT e galeguistas independentes. Houbo empurróns, cargas policiais e barricadas durante unha hora. Consecuencias: feridos e detidos. Despois da chegada, mentres se celebraba o funeral, o nacionalismo, realizou unha concentración no Toural e deseguido unha manifestación con máis de 1.500 asistentes. Xosé Abraira, que foi un dos fundadores da Irmandade Galega de Bos Aires, diría respecto do sucedido: "Na Arxentina o respectaron, mais aquí, se non son estes rapaces, pasa sen pena nen gloria". Amosaba así o seu desacougo por como se organizou o retorno de Castelao.

Durante a miña militancia na Irmandade Galega de Bos Aires tiven oportunidade de ler a obra máis significativa de Castelao, Sempre en Galiza, publicada polo Centro Galego (tanto en galego como posteriormente en castelán) e tamén merquei un exemplar editado por As Burgas do Centro Ourensán. Co gallo da morte de Castelao a Irmandade Galega editou un número especial, e o Centro Galego o texto de Alba de Groria. Ademais había en Bos Aires outras editoriais, como Citania e Nova, que reproduciron libros de Frei Martín Sarmiento, Benito Vicetto, Manuel Murguía... Algúns textos sobre Galiza fóronme regalados por vellos galeguistas da Irmandade, que antes o foran da Pondal, como aconteceu con As cruces de pedra na Bretaña, publicado polo Seminario de Estudos Galegos (En 1930). Neste caso, cedeumo Daniel Nogueira da Unión Quiroguesa, pensando que aquel mozo que se acababa de achegar ao galeguismo organizado, e consideraba a Galiza unha colonia podíalle dar bo uso.

Mesmo para un arredista como Da Presa, Castelao era un galeguista integral, entregado á causa, unha persoa que amaba o pobo, a nosa cultura e lingua. Mais era crítico coa súa contorna máis próxima, encetando por Rodolfo Prada e rematando por Abraira, mais valoraba moito politicamente ao rianxeiro,... con agarimo. Da Presa escribía en A Nosa Terra a columna Revoldaina dende mediados dos anos corenta, e previamente tivo unha importante participación na Sociedade Nazonalista Pondal e na fracasada creación do Partido Comunista Galego, e logo na Irmandade Galega de Bos Aires. Por el sabería do 'Gallego Soto' (finado en 1963), xa que mantivera contacto por carta; o libro de Osvaldo Bayer La Patagonia Rebelde escribiuse anos despois, en 1973.

Alfonso Rodríguez Castelao segue máis presente que nunca, polas súas reflexións sobre o país, sobre cales debían ser as relacións con Portugal e co Estado español, pola súa sensibilidade social. Lembremos que os seus debuxos eran a televisión da época e neles, con moi poucos trazos, deixaba en evidencia as contradicións sociais, nacionais e políticas latentes na Galiza. Mais non se limitou á caracterización e a xerar conciencia social, ademais propuxo un proxecto político e unha folla de ruta, que só a barbarie impediu daquela que se convertese en liberación nacional e xustiza social.

Comentarios