Opinión

Singularidade tamén é o grao de dependencia

A solución política que pretendía dar o PSOE ao conflito con Cataluña, dado a necesidade que ten de contar cos votos dos partidos soberanistas das nacionalidades “históricas”, chocou axiña co “españolismo” máis retrogrado, non só da estrema dereita e da dereita (VOX e PP), senón mesmo nas fileiras “socialdemócratas”.  Polo tanto, malia a aprobación da Lei de Amnistía polo Congreso, para os/as participantes no proceso do referendo tanto a prol da independencia como da policía que reprimiu as accións do independentismo, esta vía para normalizar a disputa política (que non se elimina) aínda non se pode dar como exitosa. Xa que todo indica que os recursos da oposición e os atrancos que se van poñer por parte do forte sector conservador do Poder Xudicial poden dificultar moito a súa aplicación, que é necesaria e de xustiza.

Agora ben, todo indica que agora os focos da dereita españolista están máis centrados en evitar que se chegue a un acordo de financiamento do Governo de Cataluña, que elimine débedas, e aumente os recursos e competencias autonómicas, atendendo “á singularidade deste país”.  Sen dúbida este é un tema de suma importancia non só para Cataluña senón tamén para o resto das autonomías, entre elas, moi especialmente a nación galega, dado a singularidade no eido cultural e lingüístico, porén tamén económico e social, así como no relativo ás comunicacións, condicionadas pola localización e a propia xeografía, etc.

Ou sexa, que a singularidade, que en principio, o PSOE só pretendía reducir a unha cuestión monetaria, como é tradicional na política española no trato coas autonomías, coa “axuda” da dereita vaise converter nun debate de máis fondura no que cada comunidade autónoma tería que aproveitar a oportunidade para renegociar en base a súa singularidade competencias e transferencias. Polo que o PP xa comezou a erguer muros para evitar que esta vía se socialice. Daquela que este partido bloquease no Parlamento Galego unha proposta do BNG, feita pola deputada Noa Presas, para solicitar que a Xunta de Galiza negociase en pé de igualdade (ou sexa en forma directa) un novo modelo de financiamento para o noso país. Unha iniciativa do nacionalismo galego que por certo foi apoiada polo PSOE, aceptando o carácter singular da proposta aínda que a condicionou a que a reunión teña un carácter multilateral. Algo pouco defendíbel diante da sociedade se hai un marco especifico para a negociación con Cataluña, sería aceptar relacións de primeira e de segunda, por parte dunha nacionalidade histórica como é Galiza. A cuestión da singularidade da nación galega respecto das competencias e seu financiamento tamén se tratou por iniciativa de Nestor Rego no Congreso dos Deputados na sesión de control ao Presidente do EE.

Todo indica que o BNG considera, acertadamente, que esta é unha cuestión transcendente para o povo galego, tanto en termos económicos como políticos. Neste último aspecto porque permite deixar en evidencia tanto a realidade nacional da Galiza como o rol que cada autonomía e nacionalidade ten na cadea de valor no Estado español (EE). Do que a tendencia regresiva na povoación e no PIB do noso país é unha evidencia. Un grave problema de tipo estrutural, que hipoteca o presente e o futuro, non denunciado e confrontado polos partidos de ámbito estatal na Galiza. Daquela as contradicións da Xunta en mans do PP cando se trata de temas que afecten o reparto da riqueza e do poder tanto entre clases como a nivel territorial.

Ou sexa, a cuestión das competencias, do reparto dos recursos económicos, entre o Governo central e as autonomías, e a comparativa entre cada unha delas, pon a debate as relacións económicas e o papel político entre o centro e a periferia, e o rol subalterno que ten o noso país malia o esforzo da povoación e a riqueza en materias primas, unha extensa costa, etc..  Comparemos con Madrid, vexamos en función de que intereses están deseñadas as nosas comunicacións, analicemos a entrada e saída de capitais, cunha balanza negativa, ou sexa, que crean empresas e traballo fóra, etc... A nosa singularidade tamén é o papel dependente, subalterno,... no económico, cultural, lingüístico... Un debate que é importante que sempre estea presente na sociedade galega, para contextualizar as contradicións e conflitos concretos.

Manuel Mera

Comentarios