Opinión

No campo non sempre se vota igual

Usar a palabra campo para caracterizar actitudes políticas pode non explicar moito. Aquí imos comparar dous concellos lindeiros, pero de comportamento electoral ben diferente.

O primeiro, Quintela de Leirado, ten 607 habitantes. O segundo, Verea, conta con 964. No primeiro, ostenta a alcaldía o PP, con sete concelleiros sobre sete. No segundo, o BNG, co mesmo número. 

Este resultado ten o seu correlato noutro tipo de eleccións. Así, nas recentes autonómicas, o PP logrou 90,02% dos votos en Quintela de Leirado, mentres que, en Verea, foi o BNG o gañador, con 53,62% dos sufraxios. Se imos ás pasadas xerais, vemos que o PP logrou 81,32% en Quintela de Leirado, mentres que en Verea ficou en 48,47%; en tanto que o BNG logrou 14,98%, superior a 9,41% acadado no conxunto de Galiza.

Cales son as diferenzas entre estes dous municipios, que nos permitan entender o seu disímil comportamento electoral? Sendo semellantes no seu sistema produtivo, no número de habitantes, na súa lingua e tradicións, contrabando con Portugal incluído, dado que ambos son concellos raianos, as asimetrías deben buscarse a outro nivel.

En primeiro lugar, o alcalde de Quintela de Leirado, Xosé Antonio Pérez Cortés, está ao mando do municipio desde 1976, cando foi nomeado rexedor polo daquela gobernador civil, superando todos os procesos electorais que viñeron despois. Mudaron, iso si, as siglas polas que se presentou, desde UCD, pasando por Coalición Galega ou Centristas de Galicia (grupo que seguía a liña de Franqueira e CG), até ingresar en 1995 no PP. Con este último paso lograría importantes réditos. Ese mesmo ano pasou a presidir a Mancomunidade de Celanova, cargo no que permanecerá até o 2021.

O alcalde de Verea, Xosé Antonio Pérez Valado, ostenta, en cambio, o cargo desde 2019, cando foi elixido grazas ao apoio dun concelleiro do PSOE. Nas eleccións seguintes fíxose con todos os edís. Valado tiña unha longa e laboriosa traxectoria na oposición, comezando a ser portavoz do BNG en 1999. 

Por outra parte, a traxectoria política do concello é moi distinta á de Quintela de Leirado. Verea tivo alcalde independente nas dúas primeiras corporacións. Sendo o PSOE o que dominou nas cinco seguintes. A continuación foi o PP o que gobernou en tres períodos; estando ocupados, os dous últimos, como se dixo, polo BNG. 

A inmobilidade política no concello de Quintela de Leirado é polo tanto obvia. O tempo ao mando da corporación, que comeza no período predemocrático, parece que lle dá ao seu alcalde un control persoal de difícil comparación. 
Pérez Cortés é propietario directo ou por vía interposta de case todos os medios produtivos e de xestión que alberga o municipio, desde a construtora Alfesan aos seguros. Ademais, a pequena extensión do concello, a terceira parte do de Verea, permítelle un control exhaustivo. 

E, agora, permitídeme dúas conclusións. Un bo candidato acaba gañando sempre a alcaldía. Pero nalgúns pequenos concellos é difícil ter unha vida sen depender do alcalde.  

Comentarios